Foz planifica a mobilidade sostible pensando xa nun modelo de cidade de futuro

M.C. FOZ / LA VOZ

A MARIÑA

Concello de Foz

O Concello está investindo 1,24 millóns en reformas viarias e de seguridade; a idea é que haxa menos vehículos e dar prioridade aos peóns sobre todo no entorno da Rapadoira

14 jul 2025 . Actualizado a las 09:33 h.

A comezos deste mes entrou en funcionamento a nova reordenación de tráfico en varias rúas do casco urbano de Foz, principalmente no eixo que abrangue a rúa Sarria e o entorno da Rapadoira. O Concello continúa coa súa folla de ruta e tendo tamén como guías o Plan de Mobilidade Sostible elaborado no anterior mandato e o continuo crecemento poboacional que experimenta o municipio.

Os cambios nas rúas obedecen a unha adaptación ás normativas de mobilidade e de accesibilidade baseadas nun documento de desenvolvemento estratéxico dun concello que fomenta formas de desprazamento sostibles como camiñar, usar a bici e o transporte público, e racionalizar o uso do vehículo privado, segundo indican desde o Concello, precisando tamén que o Plan de Mobilidade estuda e planifica a vila e o municipio no seu conxunto co obxectivo de apostar por un Foz respectuoso e ordenado ao mesmo tempo que segue medrando.

Exemplo desta aposta son a urbanización da Rúa Costa do Castro ou a mellora das rúas Limoeiros e Corporacións Municipais —esta agora dun sentido de circulación, cun firme axeitado, cun paso peonil a carón do campo de fútbol, con pasos de peóns ben sinalizados e con máis prazas de estacionamento—.

O alcalde Francisco Cajoto Caserío considera que Foz está experimentando unha transformación de vila a pequena cidade e por iso é necesario «actuar en consonancia. É fundamental o ciclo integral da auga. Estanse a investir 12 millóns na nova depuradora e estamos co proceso de valoración de ofertas cun contrato que nos poda permitir investir 1,1 millóns nas potabilizadoras de Foz e de Cordido, outros 1,6 millóns en renovación de tubaxes para ter capacidade para atender á poboación presente e futura».

Con respeto á accesibilidade, Cajoto destaca: «Debemos pensar en facer unha vila máis amable, máis comoda e máis accesible e, por iso, partindo do Plan de Mobilidade, que analiza os desprazamentos das veciñas e veciños, as necesidades de transporte público ou os itinerarios peonís máis importantes, entre outros elementos, estamos acometendo unha serie de actuacións dirixidas a mellorar a fluidez do tráfico no casco urbano e a ampliar as prazas de estacionamento, intentando conseguir o que para nós é unha prioiridade: mellorar a seguridade viaria e facer un Foz máis cómodo, eliminando puntos negros. As interseccións das rúas Mijaíl Gorbachov e Irmandiños, das rúas Sarria e Corporacións, das calles Uxío Novoneyra con Atalaia ou a da rúa Illa nova coa rúa Sarria son agora cruces máis seguros, igual que o é a nova senda peonil da rúa Corporacións, cunha sinalizacicón conforme á normativa».

Lembra que neste 2025 o Concello está investindo un total de 1,24 millóns de euros nas distintas reformas das rúas: «E imos seguir traballando neste sentido, tamén mellorando viais das parroquias, o que favorecerá o crecemento sostible que estamos experimentando». O rexedor tamén considera fundamental a construción do terceiro acceso a Foz.

Presidente da Deputación

Por outra banda, o presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Tomé Roca, e o alcalde focense e tamén deputado provincial, Francisco Cajoto, xunto con outros membros da corporación municipal, supervisaron en días pasados os traballos de acondicionamento e de mellora que acometeu recentemente a institución provincial na estrada LU-P-2009, que une o peirao de Foz con Marzán polo Bispo Santo, na rúa Corporacións, e no vial LU-P-6303, que conecta Campón con Cordido por Güin.

Desde ambas institucións destacaron que estas actuacións forman parte dun proxecto máis amplo no que a Deputación investiu un total de 390.000 euros para acometer melloras nestas vías así como noutras cinco estradas máis que vertebran o municipio.

Na LU-P-2009 fresouse o firme, reabríronse cunetas, pavimentouse con aglomerado en quente e renováronse as marcas viarias reflexivas, as bandas de aparcadoiro e os pasos de peóns. Desde o punto quilométrico 2,630 ao 4,741 da LU-P-6303 as obras consistiron na reapertura de cunetas coa eliminación da vexetación e os soterramentos, a pavimentación do firme con aglomerado en quente e a sinalización vertical e sinalización horizontal mediante o repintado da vía con marcas reflexivas brancas.

Desde a Deputación lembran que, a maiores destas dúas actuacións, neste paquete tamén se incluíron melloras para outras cinco vías ao seu paso polo concello; na LU-P-2001, a vía que conecta a estrada autonómica LU-152 e a N-642, a Deputación mellorou os primeiros 6 quilómetros mediante a reapertura de cunetas, a pavimentación do firme con aglomerado en quente e a reposición da sinalización; na LU-P-2013, que une o colexio de Nois coa praia de Arealonga, reparouse o pavimento e mellorouse a seguridade na zona escolar co reforzo da sinalización; na LU-P-2006, que vai desde A Cruz á praia de Llas, acondicionouse o pavimento e a sinalización no tramo que vai do punto quilométrico 0,949 ao 2,405, e na LU-P-2011, a estrada que comunica Marzán coa praia de Llas, a Deputación arranxou os primeiros 700 metros da vía coa pavimentación e a sinalización.