O Teatro das Cortes, no Vicedo, organizará o 9 e o 10 de agosto o Festival da Lingua Moza, dedicado ás familias

Lucía Rey
Lucía Rey O VICEDO / LA VOZ

A MARIÑA

<span lang= gl >En imaxe de arquivo, Teatro das Cortes, en Xestoso, no Vicedo, onde se organizan diferentes actividades para fomentar a cultura desde a aldea</span>
En imaxe de arquivo, Teatro das Cortes, en Xestoso, no Vicedo, onde se organizan diferentes actividades para fomentar a cultura desde a aldea XAIME FERNÁNDEZ RAMALLAL

A programación inclúe un obradoiro de regueifa con Séchu Sende, contacontos, unha actuación de Anxo Moure ou un concerto de Ugia Pedreira

30 jul 2025 . Actualizado a las 14:38 h.

O Teatro das Cortes, no lugar de Xestoso, parroquia de Cabanas, O Vicedo, organizará o sábado 9 e o domingo 10 de agosto o primeiro Festival da Lingua Moza, dedicado ás familias. A iniciativa sociocultural da Asociación Volta e Dálle ten como obxectivo facer cultura na aldea, e con esa finalidade deseñou un programa que incluirá numerosas actividades das que poderán gozar nenos e maiores xuntos

A programación arrincará o sábado 9 ás 11.30 horas, coa presentación da «Guía sociolingüística para familias», da Escola de Ensino Galego Semente de Lugo. Unha publicación que inclúe consellos para familias interesadas en transmitir o galego ás novas xeneracións

Ás 12.30 horas, o profesor e divulgador Séchu Sende, que hai pouco estivo nos CEIP de Covas e do Vicedo, impartirá un obradoiro de regueifa para familias. «Aprende a regueifar en 50 minutos!», animan. A regueifa é un canto popular que garda semellanzas co rap, mellora as destrezas comunicativas e a creatividade, e fomenta a autoestima dos rapaces, ademais formar vínculo coa lingua galega.

Marta Ortiz ofrecerá ás 13.30 horas o contacontos «Tralará. Contos, oxectos e música». 

O xantar terá lugar ás 14.15 horas, e ás 17.00 horas dará comezo a mesa redonda «Lingua e infancia». «Un gusto de rural, un rural de gusto» será o lema da merenda que empezará ás 18.30 horas, e na que a Deputación de Lugo brindará bocatas elaborados con embutidos de porco celta. Media hora despois, ás 19.00 horas, será a quenda da Regueifa Tour, un espectáculo con pandeiretas, bases electrónicas e improvisación oral cantanda. Paco Nogueiras dará un concerto ás 20.30 horas.

A xornada do domingo, 10 de agosto, comedará ás 12.30 horas cun diálogo «entre culturas» promovido polo Proxecto Neo, de Burela, no que participarán, ademais de Bernardo Penabade, representantes de Indonesia, Senegal, Cabo Verde e Galicia. 

O xantar será ás 14.15 horas, e más 17.30 horas haberá un roteiro teatral titulado «O valor da auga» co grupo de teatro da Asociación Son D'Aldea. Ás 18.30 horas, nova merenda «Un gusto de rural, un rural de gusto», con bocatas elaborados con embutidos de porco celta. Ás 19.00 horas, Anxo Moure brindará a actuación «Unha árbore vén vernos», e o festival rematará co concerto que ofrecerá Ugia Pedreira ás 20.00 horas. 

Desde Volta e Dálle informan que as merendas serán gratuítas para as rapazas e os rapaces que asistan ás xornadas. Para o xantar poderáse escoller entre callos, bocatas quentes, hamburguesas ou opción vegana con Galipizza. «Para reservar comida para o xantar é imprescindible enviar un correo a voltaedalle@gmail.com antes do 6 de agosto ás 00.00 horas», sinalan. 

«Cada día somos máis as persoas que gozamos coa música, o teatro, a fotografía e o cine neste espazo tan máxico», subliñan.