O BNG insta á Xunta a eximir ós concellos e entidades sen ánimo de lucro do pago por usar terreos portuarios para festas, mercados, congresos e actos sociais

La Voz VIVEIRO / LA VOZ

BURELA

<span lang= gl >Representantes do BNG presentaron a moción este venres diante das oficinas de Portos de Galicia en Burela</span>
Representantes do BNG presentaron a moción este venres diante das oficinas de Portos de Galicia en Burela CEDIDA

Presentarán unha moción na Deputación e nos concellos instando á eliminación de taxas que afectan a mercados ou actividades como as festas do San Lourenzo, o Carmen ou o festival Osa do Mar

17 may 2024 . Actualizado a las 18:13 h.

O deputado e portavoz do grupo provincial do BNG na Deputación de Lugo, Daniel García, acompañado por concelleiros de Foz (Francisco Xavier Fanego) e Burela (Mario Pillado), xunto co responsable comarcal da formación, Antonio Veiga, presentou este venres en Burela diante das oficinas de Portos de Galicia a iniciativa que defenderá no próximo pleno provincial para solicitar á Xunta de Galicia a modificación da Lei 6/2007 de Portos de Galicia, co obxectivo de eximir do pago pola utilización de terreos portuarios ós concellos e entidades sen ánimo de lucro. Destacou que actualmente hai «moitas actividades inseridas nas dinámicas sociais, como festas, eventos deportivos ou mercados, que deben pagar unhas taxas excesivas para poder levalas a cabo, e a gran maioría realízanse en espazos urbanos que, pese a estar baixo a titularidade de Portos, pouco teñen que ver coa actividade portuaria».

Fanego e Pillado, tenentes de alcalde en Foz e Burela, respectivamente, fixeron referencia ó que supoñen para as arcas municipais actividades como as festas de San Lourenzo, as festas do Carmen, o desfile do Entroido ou a festa do Chícaro, entre outros. En Foz, por exemplo, implican un desembolso de case 60.000 euros en taxas. No caso de Burela, a cantidade a pagar por citas como as festas patronais, o festival Osa do Mar, a feira Expomar ou a ocupación de espazos como a Oficina de Turismo ou o local dos xubilados A Moncloa ascende a 15.000 euros.

Competencias impropias

Nesa liña, o responsable comarcal do Bloque, Antonio Veiga, incidiu tamén na situación dos concellos galegos. Sometidos, dixo, a un «sistema de financiamento local que os discrimina negativamente e que en moitos casos están asumindo competencias impropias, competencias que tería que asumir a Xunta e que as deriva ós concellos».

«Por iso a Xunta, e neste caso a Consellería do Mar, cun conselleiro mariñán que tamén foi alcalde, e que polo tanto debe coñecer ben esta situación municipal, debe prestar atención ós concellos costeiros, que xa asumen gastos extraordinarios sobre todo en época estival, e eximilos destas abusivas taxas que prexudican tamén ás entidades sen ánimo de lucro que dinamizan vilas e pobos», concluíu. As mocións levaranse tamén ós plenos municipais.