O IES Monte Castelo de Burela frece dous ciclos superiores da familia profesional de Seguridade e Medio Ambiente

La Voz BURELA / LA VOZ

BURELA

IES Monte Castelo

Empresas e Concellos, interesados en colaborar co instituto para recibir alumnado con esta formación

01 jul 2025 . Actualizado a las 09:28 h.

O IES Monte Castelo de Burela conta con dous ciclos superiores da familia profesional de Seguridade e Medio Ambiente: Química e Saúde Ambiental e o Ciclo Superior de Prevención de Riscos Profesionais. Nun mundo cada vez máis consciente da importancia do desenvolvemento sustentable e da seguridade laboral, esta área adquire unha relevancia fundamental nos diversos sectores produtivos, explica Rocío López, vicedirectora do IES. 

O Ciclo Superior de Química e Saúde Ambiental ten unha longa traxectoria no centro. Está enfocado na relación entre o medio ambiente e como impacta na saúde humana. Mediante ensaios químicos, físicos, microbiolóxicos e biotecnolóxicos, o alumnado aprende a vixiar e controlar os efectos sobre a saúde dos riscos ambientais e alimentarios e tamén se forma na posta en marcha e desenvolvemento de sistemas de xestión ambiental, así como en intervir en programas de educación ambiental, indica. No réxime dual xeral vai á empresa só no segundo curso e realiza entre un 25 e un 35 % da formación na mesma. No caso da dual intensiva, vai xa no primeiro curso á empresa, realiza entre un 35 e un 50 % da formación no centro de traballo e ademais ten contrato laboral e percibe salario. 

A vicedirectora asegura que empresas importantes e Concellos da contorna están interesados en colaborar co IES para recibir alumnado con esta formación. Entre as colaboradoras para o réxime dual xeral están Alcoa, Concello de Burela, Terras da Mariña de Lourenzá, Entrepinares, Reny Picot, Lácteos Lorán, Applus… As firmas que asinaron convenio para o vindeiro curso en réxime dual intensivo son Ence-Celulosas Asturianas, Bosende Trebo S.L.U., CLUN Cooperativas Lácteas Unidas, Concello de Foz, Quescrem, Lactalis, Bureau Veritas, Industrial Recense, Sanea Control S. L. e Agroamb.

IES Monte Castelo

Con respecto ao Ciclo Superior de Prevención de Riscos Profesionais, comezou a impartirse neste curso 2024-25, ofertado a distancia. Está centrado na formación de especialistas capaces de identificar, avaliar e controlar riscos laborais en diferentes entornos de traballo. Os estudantes aprenden sobre normativas de seguridade, ergonomía, hixiene industria e xestión de emerxencias. «Debido a que só levamos un curso aínda non temos titulados con este grao, pero varias empresas se puxeron en contacto co centro para que o alumnado realice prácticas nelas». Explica que ambos ciclos teñen grande demanda laboral e as formacións compleméntanse. Aquelas persoas que cursen os dous, darán lugar a técnicos superiores que ofrecen un enfoque integral da xestión de riscos químicos e ambientais en diversos contextos laborais.