«Cen médicos formados no noso hospital é unha cifra para poñer en valor e destacar»

María Cuadrado Fernández
M. CUADRADO BURELA / LA VOZ

BURELA

PEPA LOSADA

María José Cortés é a directora do distrito sanitario onde este venres e sábado se celebra o primeiro Encontro da Docencia MIR da Mariña

03 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

María José Cortés dirixe o distrito sanitario da Mariña onde xa se formaron un cento de médicos residentes nas tres últimas décadas.

—Que os motivou para organizar este encontro?

—Na promoción que se incorporou este ano estaba incluido o residente número cen e pareceunos que era unha cifra significativa. Cen médicos formados no noso hospital é unha cifra para poñer en valor e destacar. Cando empezamos a preparar o encontro dímonos conta de que se cumpren 35 anos da acreditación do hospital. Son dous acontecementos que case obrigan a facer unha xuntanza ou xornadas nas que se poña en valor o traballo dos profesionais docentes e colaboradores, de todas a persoas que están implicadas nesta cadea, e ao mesmo tempo para agradecerlles a todos eses compañeiros e a eses cen residentes, e aos que estén por vir, que teñan escollido o noso hospital e a nosa comarca para completar a súa formación como médicos para ter o seu título como especialistas.

—Nestes 35 anos como centro formador, que avances se deron?

—Cando se conseguiu a acreditación unicamente estaba acreditado o hospital; podíanse facer as rotacións nas especialidades no hospital pero as rotacións en atención primaria tiñan que ir a facelas á zona de Lugo porque non había titores nin centros de saúde acreditados aquí. A partir do 2005 tamén empezou a haber centros de saúde e titores de atención primaria acreditados na Mariña e toda a formación se puido completar dentro de toda a comarca. Tamén marcou un cambio que a especialidade pasara de 3 a 4 anos, polo que houbo que integrar esa modificación dentro do programa docente e as rotacións nas especialidades e en atención primaria ampliáronse, e eso fixo que houbera una labor importante de coordinación. Nos últimos anos fumos ampliando o número de prazas acreditadas e ofertadas; nos primeiros tempos eran 3 por ano e houbo algún ano no que eran 2, pero agora temos acreditadas ata 7 prazas para cada promoción que se vai incorporando. Entre que se engadiron anos de formación, que se asume toda a formación na Mariña e que cada ano acreditamos máis prazas, representa un esforzo organizativo e de todas as persoas que colaboran ao ter que tutelar a varios residentes ao mesmo tempo.

—Dos 250 residentes que se forman actualmente na área sanitaria provincial, cantos están na Mariña?

—Temos nove residentes repartidos nos diferentes anos. Da promoción recén incorporada son 5.

—Hai algunha especialidade con máis demanda?

—A acreditación que nós temos é a de médicos de familia. Despois é verdade que doutras especialidades recibimos residentes que veñen doutras unidades docentes, sobre todo de Lugo, A Coruña, Asturias... Solicitan unha rotación no noso hospital por ser comarcal e con certa traxectoria. Hai residentes doutras especialidades, como medicina interna ou traumatoloxía, que solicitan facela aquí. É de agradecer porque nos teñen como unha referencia. Animamos a todos os residentes a que soliciten un período formativo nos comarcais porque lles aporta un valor engadido. E a nós obríganos a ter o programa da especialidade actualizado, a cumprir cos obxectivos... é un revulsivo para toda a institución.