Begoña Pernas: «Quenes medramos co pai no barco e a nosa nai preocupada, preguntámonos que tempo irá no mar»

BURELA

Begoña Pernas é estibadora polas noites e redeira polas tardes
Begoña Pernas é estibadora polas noites e redeira polas tardes PEPA LOSADA

Estibadora polas noites e redeira polas tardes, é unha das oito mulleres que clasifican en Burela o peixe por especie, tamaño e frescura para a súa venta

04 oct 2025 . Actualizado a las 19:53 h.

«Mulleres traballando no porto houbo sempre». Con esa verdade que cómpre lembrar comeza a conversa con Begoña Pernas Pernas, a presidenta da cooperativa de estibadoras de Burela. Un colectivo que apenas ten visibilidade pero que fai un traballo esencial: erguerse de noite para clasificar dun xeito profesional o peixe que chega á lonxa, de maneira que á hora da venta as caixas enchan o ollo dos compradores.

A cooperativa de estibadoras de Burela está formada por cinco socias e tres traballadoras. Constituíuse no 1988, cando as mulleres decidiron organizarse «para avanzar cos tempos e poder ter un retiro, e non depender só do home». Cada día reciben unha chamada que lles indica a que hora deben estar no porto de madrugada, para ter o peixe listo antes de ser rulado.

«Traballar de noite é duro. Durmes sempre pouco, ao vir do traballo volves cansada pero despexada, andas ao revés de todo o mundo e aínda por riba no caso das mulleres xa se sabe, temos moitas responsabilidades na casa e ao mediodía moitas veces hai que ter preparada a comida», apunta Pernas. Inflúe, explica, «mesmo na saúde. Estás constantemente sentíndote inflamada», indica.

Divididas en grupos, as estibadoras de Burela clasifican o peixe que traen os volanteiros e os pincheiros. Unha vez se depositan as caixas, elas arrastran a mercancía cara a báscula e no traxecto van agrupando os exemplares, por especie, tamaño ou frescura. «Traballamos por calibres. Unha pescada de dous quilos non pode ir con outra de tres ou catro. As máis frescas, que proceden do último lance, non poden ir aparelladas a aquelas que se pescaron ao principio da marea», indica Pernas. As meladas —roídas polas quenllas, por exemplo— tamén son cribadas.

A estibadora expón que é especialmente esixente a clasificación do chamado variado, aquel conxunto de exemplares que pertencen a distintas especies, como a palometa, a bertorella ou o congro, por poñer tres exemplos. «Iso require axilidade e unha certeza destreza, pero é todo práctica. Cando levas un tempo, xa se che vai os ollos ao peixe que non vale», manifesta.

É un traballo físico? «Si, porque arrastras as caixas por unha mesa plana, facendo sempre os mesmos movementos. As caixas que non valen hai que retiralas. Cando se xuntan moitos barcos, podes ter que subir e baixar moitas», concreta. Ademais «hai que lidiar co frío e cando chove con vento móllaste. É un oficio que ten a súa dureza», admite.

O cribado que fan as estibadoras é básico para o éxito da venta. Os armadores confían na súa habilidade. «Según vai clasificado o peixe, pode venderse ben ou mal. Se hai un exemplar pequeno con outros grandes, esa peza desvalora todo o conxunto. Daquela, o que a tripulación vai loitar ao mar pode ter mellor ou peor resultado dependendo do noso traballo. Penso que están contentos con nós e sempre preguntan se estamos», argumenta Pernas.

Cales son os problemas do colectivo de estibadoras? Un deles é o que aqueixa a case todo o sector, a falta de relevo. As traballadoras non desfrutan do coeficiente redutor do réxime especial. Ademais, o soldo depende en parte das descargas realizadas. Dese xeito, a incerteza que existe sobre o futuro da frota tamén sobrevoa o grupo. Ata doce mulleres chegaron a integrar a cooperativa burelense, «pero os barcos foron a menos», expón.

Colectivo de estibadoras de Burela
Colectivo de estibadoras de Burela ARRACADA PRODUCIÓNS

Pernas é de familia mariñeira. Un bisavó foi o primeiro ruleiro de Burela. Na súa liña xenealóxica hai armadores, patróns de pesca, como seu pai, e redeiras, como súa nai, ou ela mesma, «porque hai que facer de todo un pouco» (ri).

«Eu traballei en moitos oficios diferentes. De rapaciña aprendín a coser ao aparello da volanta. Cando faltou mamá, coincidiu que se daban cursos para exercer como redeira. Deume por probar, un pouco porque me gustaba e outro pouco como homenaxe a miña nai, que me faltaba», sostén. E aí segue, compaxinando o traballo de noite de estibadora co da tarde como redeira.

Unhas décadas despois, Pernas é a única persoa da súa familia que traballa no sector, agás dous primos segundos. «Todos sabemos que Burela medrou a partir do porto e do mar, así como os arredores, pero a vila cambiou moito», asegura.

A estibadora asegura que as persoas vinculadas á pesca teñen unha irmandade singular, una comprensión entre elas que é difícil de entender para quenes non viviron certas situacións. «Quenes nos criamos con noso pai lonxe, e coa nosa nai preocupada, sabemos o que é. Aínda hoxe, tendo moi poucos familiares na frota, me pregunto que será dos mariñeiros, que tempo terán no mar», confesa. Pola contra, nos días grises, respirar o salitre «dá vida».