Suso do Bahía, de Foz, recibirá a título póstumo en Outeiro de Rei a homenaxe da «Navalla de Manuel María»

La Voz FOZ / LA VOZ

FOZ

Suso Fernández foi nomeado Fillo Predilecto do Concello de Foz no 2010
Suso Fernández foi nomeado Fillo Predilecto do Concello de Foz no 2010 PEPA LOSADA

Os actos, nos que tamén será distinguido Xurxo Souto, terán lugar o 8 de setembro

30 ago 2023 . Actualizado a las 09:13 h.

A Irmandade Manuel María e a asociación cultural Xermolos concéndenlle este ano a «Navalla de Manuel María» ao músico e comunicador Xurxo Souto e, a título póstumo, ao que durante moitos anos foi o responsable da Libraría Bahía de Foz, gran dinamizador de eventos, escritor, tertuliano, quen fora cronista oficial e tamén Fillo Predilecto do Concello focense, Jesús Fernández, máis coñecido como Suso do Bahía, falecido no 2022 aos 85 anos.

Os actos de entrega desta distinción faranse nun acto de lembranza ao poeta chairego que terá lugar o 8 de setembro, aniversario do seu pasamento, en Outeiro de Rei. Haberá un xantar xunto ao río Ladra, seguido ás 17 horas dun recital en Penas de Rodas, outro acto no cemiterio de Outeiro de Rei e un rito compartido no campo de Santa Isabel (19 horas).

Suso Fernández recibiu outros galardóns, como en 1997 o de Lucense del Año. Tamén o de Cabaleiro da Orde do Camiño de Santiago e a insignia de prata do Orfeón de Mondoñedo, entre outros.