Mondoñedo perde a Alicia Tella, a histórica bibliotecaria da cidade

Coa súa morte desaparece unha parte esencial do universo literario do xenial Álvaro Cunqueiro


MONDOÑEDO/LA VOZ

Ben sei que, nestes casos, sempre se di o mesmo, pero se se di é porque é verdade: parece mentira. Pero, por desgraza, é certo: acaba de morrer Alicia, Alicita. Alicia Tella. E a min, que a quería moito, como a quería moito tanta e tanta xente, danme ganas de chorar.

Porque con Alicia morre todo un mundo, un mundo enteiro: un dos moitos mundos que conforman ese infinito universo que se chama Mondoñedo.

Como vostedes saben, Alicia foi a histórica bibliotecaria da cidade episcopal. Pero era, sobre todo, a memoria viva do universo mindoniense de Cunqueiro. Alicia, esposa do escultor Puchades (do autor da estatua de don Álvaro, precisamente), foi unha persoa especialmente querida polo autor de Merlín e familia, que a consideraba unha verdadeira sobriña súa.

«Daba o que non tiña», dicía Alicita de don Álvaro, recordando que, por riba de calquera outra cousa, era un home dunha xenerosidade inmensa. E para Carmiña, para a irmá do escritor, Alicia era a filla que non tivo.

Moito se querían, unha e mais a outra. Pecho os ollos e véxoas ás dúas, detrás dos cristais da casa de Carmiña, contemplando en silencio, a través dos vidros un pouco embazados (outra néboa máis) da ventá pechada, a catedral. A última vez que estiven con Alicia contoume que o paraugas que Cunqueiro lle mercou un día en Lugo foi o primeiro paraugas pregable que houbo en Mondoñedo.

En fin! Non recordo se era un paraugas colorado ou se era verde. Agora todos eles están con Deus Noso Señor. Desculpen que me emocione tan facilmente.

*R. Loureiro, xornalista e escritor, premio Julio Camba.

A corporación mindoniense expresa o seu pesar pola morte de Alicia Tella

«A corporación do Concello de Mondoñedo quere amosar, a través deste comunicado, o seu profundo pesar pola terrible perda de Alicia Tella Villamarín, a histórica bibliotecaria da cidade, esposa do escultor Juan Puchades e memoria viva do literario mundo de Álvaro Cunqueiro, e enviar un profundo e sentido abrazo a toda a súa familia e aos seus amigos e amigas».

O comunicado oficial do Concello continúa loando a figura e o labor da finada Alicia Tella: «Mindoniense dunha calidade humana exemplar, o permanente compromiso de Alicia co mundo da cultura e moi particularmente co do libro deixa en Galicia unha pegada inesquecible». O enterro terá lugar este mércores, ás 17.00 horas, na igrexa parroquial de Santiago, en Mondoñedo. A capela ardente está instalada no Tanatorio Morán, segundo conclúe o comunicado do Concello.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Mondoñedo perde a Alicia Tella, a histórica bibliotecaria da cidade