Ave, Mauro

ANTONIO REIGOSA

MONDOÑEDO

14 ago 2025 . Actualizado a las 13:48 h.

Mauro Leivas naceu no barrio dos Muíños de Mondoñedo en 1955 e faleceu no mesmo lugar este pasado 23 de xullo de 2025. Se un le os obituarios e condolencias de ordinario aparenta que en todo ese tempo nada pasou, como se desde os tristes anos en que lle tocou nacer nada mudase e a vida non andase ao seu neses 70 anos que median entre un e outro acontecemento.

Mauro sempre foi diferente do común dos seus coetáneos. Sabíao aquel mozo que xa na infancia, sendo parte dunha familia extensa e singular, tivo a necesidade vital de esquivar os enferruxados dogmas impostos polos estereotipos sociais nunha cidade ancorada en vetustas ideoloxías. Mauro pelexou a peito descuberto contra todos e contra todo iso. Intentou, na medida das súas forzas, combater esa agresividade manifesta contra o que el representaba e reverter en beneficio da súa saúde mental e física aqueles torrentes biliosos de rancor.

Aínda así, Mauro foi coherente coa súa particular forma de pensar e actuou en consecuencia. Sempre foi crítico co mundo que lle tocou vivir, decididamente belixerante, intransixente e inconformista, retador ata o desafío. Mais tamén foi paciente, quizais en exceso, educado e resiliente ata un infinito inimaxinable. Eu vin en máis dunha ocasión como se remexía rebelde desde a tumba da vida cando o trataban de humillar no máis profundo das súas conviccións.Velaí o ser, a persoa que foi e que será na memoria de moitos de nós.

Pero tamén foi artista, quizais a única maneira posible de existir para os seres libres como el. Nesta faceta da súa vida, nada deixou de probar. Gozou da experimentación. Probou maneiras de se expresar. Engalanou a súa propia vida de ideais, de apertas, deu color á natureza e puxo alento onde só aparentaba haber carne sen espírito.

Agora que se despediu do mundano que lle tocou padecer é xa hora de que falen os e as que saben o que vale a obra que nos legou. Será moito dicir quizais, que nos guía o seu ronsel senlleiro pola calidade e orixinalidade do que fixo! Será pouco lamentar que o deixamos ir sen saudar, e agradecer, o seu compromiso coa diversidade das sensibilidades humanas!

O 13 de agosto inaugurouse no Museo Provincial de Lugo unha modesta mostra do seu quefacer. Titúlase “UKIYO-E: de paxaros e sacabeiras”. Unha oportunidade, aínda que apenas sexa un entrante, para saber do inmenso tesouro que gardan as gabetas da súa memoria creativa, suficiente para coñecer se cadra, polo de agora, o orixinal imaxinario creado por Mauro Leivas, que é produto da súa filosofía de vida e dun esforzo permanente por gozar da beleza e desfrutar cada instante, a pesar dos contratempos que el tanto padeceu.

Hai uns días fun dar un paseo por unha das canles que bican as casas do barrio dos Muíños de Mondoñedo. Sobre os muros que abeiran a corrente e os lavadoiros que evocan os paxelos andaban bulideiros os gorrións, e nas pozas limpas e translúcidas do Valiñadares mergullábanse felices as sacabeiras.

Non sabería dicir se Mauro era gorrión, mensaxeiro da excelencia, ou sacabeira, a que soporta o lume e causa o mal da pezoña. Quizais fose, ora un ora a outra, como sempre lle gustou ser!

Antonio Reigosa. Cronista oficial de Mondoñedo.