Mondoñedo homenaxeará este venres, 17 de outubro, a Xosé Vizoso co lema «Sempre coas San Lucas»

MONDOÑEDO

Haberá un roteiro, unha mesa redonda, presentaráse un libro e inaugurarase a exposición «Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo»
13 oct 2025 . Actualizado a las 19:15 h.A obra de Xosé Vizoso (Mondoñedo, 1950-Brión, 2025) estará vencellada para sempre ás San Lucas de Mondoñedo, a súa terra natal, xa que durante décadas deseñou moitos dos carteis que cada outono anunciaban a chegada dunha das festas máis antigas e importantes de Galicia, de forte tradición gandeira. E para honrar e poñer en valor o seu inmenso legado, a asociación As San Lucas, en colaboración co Concello de Mondoñedo, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo (área de Cultura) e a Xunta de Galicia, organizarán este venres, 17 de outubro, unha homenaxe a Vizoso co lema «Sempre coas San Lucas».

A xornada arrincará ás 10.45 horas cun roteiro polas rúas engalanadas cos carteis de Vizoso. Partirá do barrio dos Muíños. Ás 11.45 horas, no auditorio Pascual Veiga, terá lugar a mesa redonda «Evocando a Xosé Vizoso», na que participarán Sonia Meilán, Rafa Blas, Miguel Souto, Higinio Méndez, Xosé Artiaga e Antonio Reigosa.
Ás 12.45 horas, tamén no auditorio, dará comezo a presentación do libro Xosé Vizoso. Sempre coas San Lucas. Ó remate, cada asistente recibirá un exemplar.
Finalmente, ás 13.30 horas inaugurarase a exposición «Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo».
Vizoso foi homenaxeado no Día da Ilustración de Galicia de este ano, pouco antes do seu pasamento.