De Elena Ferro a Oliver Laxe ou Telmo Cao, a identidade galega nun museo nunha aldea de Cabanas, O Vicedo

O VICEDO

O fotógrafo Eduardo de Martíns e Volta e Dálle promoven un proxecto cultural que aspira a ser «arma de futuro e autoestima»
28 may 2025 . Actualizado a las 15:44 h.«Facer este museo nun lugar coma Viveiro, Ribadeo ou Mondoñedo, tería moitas vantaxes, pero non sería como facelo no Xestoso, nunha aldea». Con estas palabras quixo poñer en valor o profesor Bernardo Penabade o Museo da Identidade Cultural Galega que o fotógrafo Eduardo de Martíns e a Asociación Volta e Dálle, impulsada polo actor Pepe Penabade, inaugurarán o sábado 7 de xuño (18.30 horas) no lugar de Xestoso, na parroquia de Cabanas, municipio do Vicedo. O proxecto, que foi presentado este mércores en La Conservera, en Celeiro (Viveiro), aspira a converterse en «arma de futuro e autoestima», de «transformación en positivo» do legado cultural dos antergos. E que mellor maneira que facelo ó pé do Teatro das Cortes? Unha corte que en tempos acubillou dez vacas e que hai tres anos Penabade transformou en teatro «como terapia», cando a enfermidade lle obrigou a baixarse das táboas.
O museo funcionará en paralelo ó teatro que, «como espazo aberto a calquera inquedanza da xente que se achega a el», continuará programando diversas actividades, especialmente teatrais, entre a primavera e o outono. O museo contará cunha instalación permanente de 30 imaxes contemporáneas incluídas no proxecto Galicia Latente, realizado por Martíns entre o 2020 e o 2023, que enlazan cultura, sociedade e economía, e nas que aparecen persoeiros como Elena Ferro, que partindo da tradición zoqueira familiar desenvolve a súa visión da cultura como motor económico desde Vila de Cruces (Pontevedra); o director de cine Oliver Laxe, cun proxecto «de construción do presente e do futuro honrando o pasado» en Navia de Suarna (Ancares lucenses) e que acaba de gañar no Festival de Cannes o Premio do Xurado pola película Sirat; o artesán cervense Telmo Cao, con traballos en forxa en numerosos palacetes e en edificios destacados como a Sagrada Familia de Barcelona; As Tanxugueiras, o poeta Ismael Ramos (Mazaricos, 1994), que é Premio Nacional de Poesía Joven; ou a sociedade cooperativa A Carqueixa, dos Ancares, entre outros. Ademais, no Xestoso haberá un invernadoiro no que se montarán exposicións temporais monográficas, e un apartado interactivo para que, sobre todo os máis novos, se animen «a buscar valores identitarios».
Retos como «a eucaliptización» de Galicia ou a demografía serán abordados nunha iniciativa na que tamén colaborarán activamente os colectivos Nordés, Tecedeira, que organiza as Xornadas etnográficas da Mariña; ou Mariña Patrimonio.