
A cita formativa organizada por Apaga desenvólvese ata o venres
28 ago 2025 . Actualizado a las 00:28 h.Este mércores deu comezo en Ribadeo o décimo cuarto Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos, organizado por Apaga. Nesta edición, que se prolongará ata o venres, participan relatores chegados desde países como Colombia e Portugal. No acto de inauguración interviñeron o alcalde ribadense, Dani Vega, o director territorial de Economía e Industria, Gustavo Casasola, e o presidente de Apaga, Álvaro Doural. Máis de medio cento de persoas procedentes de diferentes puntos da xeografía española asisten a este foro, no que se abordan cuestións como a diagnose de vehículos híbridos/eléctricos, os incendios nas baterías de vehículos eléctricos ou a internacionalización da asociación Apaga, entre outras. Ademais os asistentes achegaranse á Formación Profesional que se imparte en Colombia ou das mobilidades europeas de alumnos que son acollidos en empresas de Portugal.
Rematará o venres
Ata o venres desenvolverase un amplo programa de charlas. Os asistentes tamén aproveitarán para coñecer a zona. Unha das actividades da que gozarán será dunha subida en barco ata Ría de Abres. Álvaro Doural tivo palabras de agradecemento para as empresas colaboradoras un ano máis co as súas axudas para que esta cita formativa se leve adiante.
Pola súa banda, o rexedor aludiu á falta de man de obra no sector da automoción e dixo que se non hai empresas é imposible o crecemento colectivo. Vega tamén se referiu ó polígono industrial de Ribadeo: «A baixada do prezo do metro cadrado de 75 a 35 euros propiciou que dúas empresas xa mercasen sendas parcelas e hai outras interesadas en asentarse alí». Finalmente, o alcalde apostou pola formación, o coñecemento e a estratexia empresarial e animou aos asistentes a aproveitar a súa estadía en Ribadeo para coñecer a vila e os seus enclaves turísticos.