Espera que vou mexar! espalla alegría cos seus cantos de taberna desde Viveiro

VIVEIRO

Un grupo de afeccionados leva 4 anos recuperando e ofrecendo ó público músicas tradicionais
19 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Manolo é pintor e tamborileiro da Cofradía da Piedade na Semana Santa. Canea, que foi panadeiro, é cantareiro. Luisa, nativa de Bravos, en Ourol, e que fixo teatro, goza cantando, animando e tocando o peitoque, un instrumento de percusión que se colga no pescozo. Oliva, que é usuaria de Aspanane (Asociación de pais de persoas con discapacidade intelectual de Viveiro), toca a trécola, un instrumento de madeira que tamén recibe o nome de acordeón do mar. Víctor, que é policía xubilado, defínese como «o gaiteiro de Area» e anímase a tocar en calquera festa, foliada ou lugar. Alfredo, que é mariñeiro, dálle con xeito ó pandeiro e ó bombo. Mentres que Carlos, de Vieiro e que tamén forma parte da banda da Piedade, toca o bombo e canta. «Son neto de Ramón das Xeixas ou da Rumba, que tocaba ben o acordeón», subliña. A súa muller, Alejandra, natural de Escourido e que traballa nunha residencia de anciáns, é «a xefa das cantareiras». Como tamborileiros principiantes están Félix, de 9 anos, que é fillo de Carlos e Alejandra; e Manu, de 5, neto de Manolo. Todos xuntos forman Espera que vou mexar!, un grupo de Viveiro especializado en espallar alegría cos seus cantos de taberna alá onde vai.
«O noso forte son os cantos de taberna, a música tradicional», explican. Deste xeito, do seu repertorio, que supera as dúas horas «sen repetir cancións», forman parte temas de sempre como A saia da Carolina, O miudiño, Ven bailar Carmiña, O sancristán de Coimbra ou Catro vellos mariñeiros, ata outros con letras picantes ou que teñen volta. «Pelotas é un estado, é un estado que hai no Brasil... Meu tío que é brasileiro baila en pelotas no mes de abril», cantan e tocan á vez nos xardíns Noriega Varela... «O noso é un grupo aberto. Somos afeccionados e sempre levamos varios instrumentos para que a xente se anime a tocar e a cantar con nós. O importante é que o pase ben e participe», bromean. Espera que vou mexar! agradece a colaboración do Concello de Viveiro. «Chámannos para todo e déixannos o edificio acristalado [antiga fundación comarcal] para ensaiar», recoñecen. Os veteranos sinalan que en Viveiro houbo en tempos cantos de taberna en bares xa desaparecidos como O Ribeirano, Os Espellos, Timiraos, José dos Pelos ou O que faltaba.
¿E de onde sae o nome? «Na época de nosos pais, nas festas, os homes reuníanse no botiquín para matar a sede mentres as mulleres quedaban xuntas porque era vergoña que elas foran ós bares. E a desculpa que poñían para ir ó botiquín era esa: ‘Espera que vou mexar!’. Afortunadamente os tempos cambiaron e agora as mulleres cantan e van ós bares coma os homes», conclúen.
Cando se formou? Nas festas do San Roque do 2018, da man de Víctor (gaiteiro) e Manolo (tamborileiro).
Onde teñen actuado? En Viveiro: no Nadal, en San Roque, Naseiro, Xunqueira, Vieiro, no xeriátrico... Tamén en Ribadeo, Pontedeume, O Vicedo, Bravos (Ourol)...
De San Roque e Naseiro a Pontedeume pasando por Ribadeo e O Vicedo
Dependendo das obrigas persoais e laborais de cada un, Espera que vou mexar! actúa con máis ou menos compoñentes. «Un mínimo de cinco imos sempre», expoñen, e destacan a tradición musical de Viveiro. «Os Píndaros [un grupo emblemático] eran gaiteiros», recordan. Nesa liña, Víctor, que é gaiteiro e que se formou no Conservatorio da Coruña, conta que lles gusta recuperar músicas dos antergos. Nestes catros anos, dos que dous estiveron case a cero polo covid, levan actuado nas festas do San Roque, en Naseiro, en Vieiro, en Xunqueira, no Mesón da Garita (Ourol), en certames de cantos de taberna de Pontedeume, Espasante ou O Vicedo, en Ribadeo...