
As zonas despoboadas xóganse os servizos básicos, aquí en desprestixio
07 oct 2022 . Actualizado a las 12:28 h.Aforra custos, contamina menos, é seguro e contribúe a evitar atascos ou dores de cabeza á hora de aparcar. Con estes mimbres, o transporte público debera ser unha opción a ter en conta, pero para moitos veciños da Mariña é unha alternativa que só se contempla en caso de emerxencia. Vese, mesmo, como unha especie de purgatorio. Hai quen dirá que esaxero pero mentres agardo só na parada e vexo decenas de vehículos pasar pola N-642 sinto unha certa vergoña, como se alguén me repudiase do paraíso da libre mobilidade. O coche está no taller e teño que coller o autobús para desprazarme de onde vivo, Cervo, a Viveiro, onde traballo.
Antes de escoller a opción de viaxar sen medio de transporte propio, toca repasar os horarios. No Feve pódese saír do apeadoiro de Madeiro cara Viveiro ás 7.35 horas, con chegada as 8.02, pero ata as 12.15 non hai unha segunda oportunidade. Hai pois máis de catro horas de diferencia entre as dúas viaxes matinais ofertadas. Dúas únicas alternativas son insuficientes para poder usar o tren como medio de transporte nunha rutina diaria: de non poderse permitir un leve atraso cada día, nin sequera quen comece a súa xornada laboral ás oito da mañá chega a tempo.
Dado que o apeadoiro que queda á altura de Cervo está en Cuiña, debera ademais desprazarme uns 15 minutos andando sen beirarrúa antes de coller o tren. Isto dificulta utilizalo os días de chuvia e especialmente para volver á casa durante boa parte do ano, cando se fai de noite xa antes de que remate a miña xornada laboral. Algo que non ten por que botar atrás a viaxeiros de, por exemplo, Ribadeo ou Burela, que -paga a pena lembralo- desde hai décadas posúe unha estación intermodal, antes da febre polas estacións intermodais.
O autobús ofréceme un abano máis amplo de posibilidades. Podo coller os autocares das 6.49, 7.41, 8.26, 9.19 e 9.56, estes dous últimos os que mellor se axustan á miña hora de entrada habitual, as once da mañá. Tamén hai opcións ás 11.27 e 11.56 horas.
Na primeira xornada na que non dispoño de coche collo un autobús que vén de Lugo, o que conleva un atraso de 17 minutos sobre a hora estipulada. No segundo día, o autocar parte de Burela e chega puntual á parada.
Ao subir ao autobús, a sensación de vergoña da espera desaparece, pero faise evidente que, nesta comarca, o transporte público é unha opción desprestixiada. O primeiro día vou no bus ata Viveiro con outros cinco viaxeiros, estudantes e mariñaos orixinarios do estranxeiro. Xente que, coma min, carece probablemente doutra alternativa, sexa por non ter carné ou vehículo. A segunda vez vou só ata San Cibrao, onde unha traballadora dun negocio de hostelería colle o autocar -esta vez un microbus- para desprazarse ao seu lugar de traballo. Condutores e pasaxeiros utilizan rigorosamente a máscara.
O billete de ida custa 1,50 euros, igual que o de volta. Boto contas sobre o que me custaría o desprazamento nos días laborables. Tres euros diarios, 15 por semana, 60 mensuais. Paréceme que gasto máis de ir no coche. A web Via Michelin, que axuda a facer estes cálculos, confírmame que -ao prezo que está o combustible desde hai meses- de elixir o transporte público aforro. E iso que non estou tendo en conta a posibilidade de adquirir abonos con desconto. No caso do tren, podería viaxar gratuitamente ata final de ano -o Goberno central ampliará esta medida a 2023- de depositar unha fianza, a devolver, de 20 euros, cun mínimo a cumprimentar de 16 desprazamentos.
Ao coller o bus recordo outra das vantaxes do transporte público: o que descansa a cabeza neses 50 minutos diarios -25 de ida e 25 de volta- que deixo de conducir, coa posibilidade de chequear o mail ou ler os xornais durante o desprazamento. Unha viaxe desde Burela a Viveiro no Feve, o setembro pasado, lembroume outra virtude esquecida: que xa quixeran para si moitos trens turísticos a pasaixe pola que avanza o noso de diario.
O custo de ida e volta en autobús entre Cervo e Viveiro é de tres euros, sen descontos. Gasto máis no coche, e o tren é gratuito de pedir o bono estatal
Despois de corrixir a súa falta de fiabilidade -houbo 738 supresións entre xuño e setembro do 2018-, o ferrocarril da Mariña ten a materia pendente de recuperar a confianza do usuario. Non fallar non abonda: só se conseguirá con máis e mellores horarios.
Volvo á casa tamén no bus, xa de noite. Conforme acaba o día agardar uns minutos (ata as 21.02 horas) pola liña molesta -queremos todo ao instante-, pero ao subir agradezo non ter que conducir despois de acabar a xornada laboral. Desde Viveiro ata Cervo viaxamos só tres pasaxeiros, dous rapaces e máis eu.
Nun contexto de crise no que se cuestionan as obrigas de servizo público de transporte no rural, zonas en despoboamento -como A Mariña- xóganse moito, pero vendo como van os trens e os autobuses non semella que haxa aquí batalla que librar. Fan falta mellores servizos, pero quizais tamén cambiar o chip. Pode ser o simple resultado dun pequeno contratempo: non poder usar o coche e ter que desprazarse.
É un paradoxo: tendo vehículo propio sentímonos máis libres, cando cun bo transporte público somos menos dependentes.