Nuria Lestegás, actriz de Xove: «Síntome afortunada de ter participado na película 'O corno', é un fito do cinema galego»
VIVEIRO

Este sábado presenta o filme de Camborda en Cines Viveiro, ás 19.00, con coloquio co público
21 oct 2023 . Actualizado a las 11:53 h.Ainda está a asimilar a ledicia e a sorpresa coa que o equipo de «O corno» recibía o galardón da Concha de Oro no Festival de San Sebastián, tratándose ademáis dunha película en galego que este sábado 21 se proxectará en versión orixinal en Cines Viveiro, ás 19.00, con presentación da mesma e coloquio posterior a cargo da actriz xovense Nuria Lestegás, quen fai o papel de Mabel.
—Debe ser un acto especial encontrarse co público na Mariña.
—Si, é moi bonito compartir coa xente e recibir o feedback en directo. Cando acompañamos a película en San Sebastián percibimos que se acollía moi ben no estreno e que había expectación. Parecía que estaba nas quinielas para o palmarés, pero non esperabamos a Concha de Oro. Xa fora unha noticia estupenda que estivese na selección. Foi unha unha emoción enorme gañar!
—Como valora o feito de ter participado nesta película que ademais ten éxito nas salas?
—Síntome afortunada de ser parte desta película. E honrada. Creo que é un fito do cinema porque está conseguindo colocar o cine galego nun lugar. Como está a funcionar nas salas é algo moi chulo, polo sentido que ten o que facemos e por compartilo coa xente. É moi satisfactorio ver como se está recibindo «O corno», pois hai unha alegría compartida, tanto polo premio como pola participación mariñá. Percibo que se sinte como algo propio.
—Traballos anteriores no cine?
—«Longa noite» foi o meu primeiro traballo (2019). Logo «Eles transportan a morte» (2021). E «O corno» en 2023. O meu traballo é profesora de música na Mariña, porque fixen carreira musical; agora estou na Escola de Música de Foz e nun programa educativo sinfónico no rural, iniciativa da Fundación Bal y Gay. Tiven formación teatral cando residía en Santiago, onde me atopei co teatro e coa interpretación e estiven sete anos nunha compañía santiaguesa e adestrando coa cámara, a través de traballos en televisión ou en rodaxes cando podía participar. Despois saiu a ocasión de facer «Longa noite». Levo dez anos dende que iniciei ese camiño da interpretación. Unha película foi traendo a outra.

—Algún proxecto novo agora?
—Estamos na periferia e fai falla estar conectado co eixo cultural, que segue sendo o atlántico. Aquí é máis difícil, non por distancia en quilómetros, senón máis ben por distancia cultural, á marxe de que aquí hai cousas moi interesantes culturalmente. Sigo tendo esperanza e manteño o foco no cinema, no que me gustaría seguir, xunto coa música.