Esixen unha investigación sobre o vertido de purín que afectou a 30 dos 42 quilómetros do Landro e a reparación dos danos ambientais

VIVEIRO

Tamén piden que se endurezan as avaliacións ambientais e a concesión de autorizacións a explotacións porcinas como a do Viveiró na que se produciu o accidente
09 jun 2025 . Actualizado a las 13:44 h.A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) esixe que se leve a cabo unha investigación sobre o vertido de purín procedente dunha explotación porcina situada no Viveiró, en Muras, que o venres pasado acabou no río Landro, afectando a uns 30 dos seus 42 quilómetros, e puxo en grave risco o abastecemento de auga potable de Viveiro. Tamén que se apliquen as sancións a que haxa lugar e se reparen os danos ambientais producidos.
O colectivo afirma que «na noite do xoves, día 5, unha bolsa de xurros dunha granxa de porcos do Viveiró rebentou deixando escapar un millón de litros de xurro desde as cabeceiras do río Landro, dando lugar a unha mancha que, en pouco tempo, se estendeu ó longo de todo o río ata a súa desembocadura en Viveiro». Adega denuncia que o accidente provocou «a morte xeneralizada» de peixes como troitas e outra fauna piscícola, así como restricións de auga para a poboación de Viveiro e a prohibición de bañarse nas praias.
En relación co vertido, e «máis aló das responsabilidades que, a resultas do correspondente procedemento de investigación, caiba atribuír», sinalan desde Adega, queren recalcar a «responsabilidade» da Administración ambiental, e do lexislador, ó «permitir que explotacións porcinas que supoñen riscos coma o que o accidente do Landro puxo de manifesto podan tramitarse cunha simple declaración de incidencia ambiental». «O que se reduce -abundan- á presentación por parte do titular dunha memoria ambiental sen pouco máis contido que o de xustificar as dimensións da instalación e a capacidade da bosla de xurros para entregar a xestor autorizado, sen sequera mención algunha á posibilidade deste tipo de accidentes e ás súas consecuencias».
Adega tamén esixe «a responsabilidade» das autoridades ambientais que informan e resolven estes procedementos de avaliación ambiental a favor destas instalacións porcinas sen esixir que se estude e avalíe a posibilidade destes accidentes. «Cando menos -sosteñen- para decidir sobre a súa ubicación e sobre as medidas de protección que corresponda aplicar en caso de tal accidente».
A asociación quere que se avalíen as consecuencias que poden ter para o medio natural ou para a saúde das persoas os accidentes neste tipo de explotacións.
Axentes do Seprona da Garda Civil, ademais de efectivos da Consellería de Medio Ambiente da Xunta, continuaron controlando o sábado o «inxente» vertido de purín que afectou ó Landro, así como investigando as súas causas. Distintas fontes sinalan que a balsa de purín, que é flexible, non ríxida, e que ten unha capacidade de 2.000 metros cúbicos (2.000.000 de litros), verteu ó Landro en torno a un millón de litros do residuo líquido que forman os orines dos animais e que rezuma o esterco. Un material altamente tóxico.