Viveiro acondicionará con 15.000 euros o céspede do estadio de Cantarrana - Kiko Rey

VIVEIRO

Coa chegada do inverno e das chuvias, o céspede dificulta moito o xogo
Coa chegada do inverno e das chuvias, o céspede dificulta moito o xogo Pepa Losada

Un perito detectou deficiencias no campo de fútbol municipal, que incrementaban o risco de lesións e que se van subsanar con esta obra

28 sep 2025 . Actualizado a las 11:59 h.

O Concello de Viveiro anunciou onte que está a acometer nestes días actuacións no terreo de xogo do campo municipal de Cantarrana-Kiko Rey, para mellorar o estado do céspede e garantir a práctica do fútbol en condicións óptimas. O investimento será de 15.000 euros.

«A actuación realízase no marco do convenio asinado recentemente entre o Concello coa Xunta, a través de Turismo de Galicia, que ten como obxectivo reforzar a promoción turística, cultural e deportiva de Viveiro», expón o goberno municipal.

Un informe técnico de xuño detectou deficiencias no céspede, que incrementaban o risco de lesións. «Para reverter esta situación estanse a desenvolver diferentes traballos encamiñados a rexenerar o céspede e mellorar a estrutura do terreo. As tarefas consisten en escarificar e airear o chan para retirar a vexetación envellecida, realizar pinchados que permiten introducir area e mellorar a drenaxe, e aplicar un recebado combinado cunha resementeira que axuda a recuperar a cobertura vexetal de maneira uniforme. Ademais, aplicarase abonado específico para fortalecer o crecemento e corrixir o pH do solo. Tamén se actuará nunha zona onde é necesaria a extracción de terra e a preparación do terreo, coa posterior subministración e colocación de tepe», engade o Concello.

«Ter o campo en condicións óptimas é vital tanto para o deporte local como para seguir acollendo torneos que teñen impacto turístico en Viveiro», argumentou a alcaldesa, Mariña Gueimunde.