Ferpalia contratará o 75% dos paquetes turísticos galegos

La Voz S.B. | PONTEVEDRA

AROUSA

CAPOTILLO

Medio centenar de operadores asisten ao salón do turismo

04 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

O recinto feiral da Xunqueira acolle dende onte o salón do turismo Galicia, Ferpalia, un evento no que, segundo aseguran os organizadores citando á Administración autonómica, vanse a contratar o 75% dos paquetes turísticos de Galicia para o próximo ano. A bolsa de contratación xerará un volume de negocio superior aos 41 millóns de euros, a través de máis de dúas mil entrevistas nas que os operadores turísticos de toda España e doutros países -principalmente de Brasil- buscarán as mellores ofertas entre o sector galego. Porque Ferpalia é unha feira eminentemente técnica, dirixida aos profesionais e non ao público en xeral, aínda que este pode acceder ao recinto de balde. O salón conta cunha serie de postos de varios concellos galegos, que promocionan as distintas vilas como destino turístico. Ademais, tamén contan con espazo propio na feira Turgalicia e o Padroado de Turismo Rías Baixas. Este ano, o nexo común de todos os concellos que contan cun espazo na feira é que todo s eles contan con centros histórico-artísticos. Desde Pontevedra ata Cambados, pasando por Allariz, Poio, Baiona, Muros, Noia ou Boborás. Paralelamente ao certame en si, Ferpalia organiza varias actividades. Unha delas é o concurso de fotografía turística memorial Rafael Vázquez, ao que concorren nesta edición un total de 88 pezas. Todas elas están expostas no recinto, e o xurado reunirase esta mesma tarde. Tamén ai un concurso de páxinas web de contido turístico. E dentro das xornadas técnicas, hoxe terá lugar, a partires das dez da mañá, unha mesa redonda sobre Os recursos turísticos das zonas monumentais: dúas visións dende Cuba e Galicia.