O Rasoeiro sumou o pasado sábado no Monte da Vila o seu segundo trunfo ligueiro. E fíxoo cunha comodidade inesperada, fronte ao filial do Cangas de División de Honra B.
De feito, as novidades previas ao partido presentaban un horizonte complicado para o Rasoeiro, que á baixa de Jaime sumaba as ausencias de Carlos e de Abel, reservados polo adestrador local, Lao Santos, a raíz de sendas molestias. Pero nin con esta merma o Rasoeiro tivo rival no Explotaciones Mineras del Morrazo (Cangas B).
Unha brillante saída, cun parcial de 6-0 nos 12 primeiros minutos de partido, encarrilaba o choque en favor dos homes de Santos. A defensa en 5-1 do cadro anfitrión atragantóuselle ao filial cangués, que tentou frear a sangría en portería propia cunha defensa mixta. Mais a estratexia visitante só servíu para facilitarlle o traballo ao ataque arousán. Ao descanso, 13-8 no electrónico.
Lonxe de enfriarse no descanso, o Rasoeiro saíu en tromba na segunda metade, disparando a súa vantaxe ata unha máxima de dez tantos a 20 minutos da conclusión. Finiquitado o partido, Lao Santos optou por darlles abundantes minutos aos xuvenís Brais e Uxío, que «non desentonaron nada», comentou o seu adestrador.
Sexto clasificado na Liga
Con este resultado o Rasoeiro sitúase na sexta praza da clasificación ligueira (nun campionato de catorce equipos), con catro puntos noutros tantos partidos froito de dúas victorias e outras tantas derrotas, 116 goles a favor e 117 en contra.