Os nove clubs integrantes da Asociación do Deporte Meco (ADM) veñen de aprobar esta semana os estatutos que rexerán a entidade e, con eles, o nome dos responsables da súa primeira directiva.
Unha executiva con dous anos de mandato que aparece presidida polo directivo do Unión S.D. Juan Francisco Otero Cabanas. Xunto a el traballarán Juan Ramón Outeda Montenegro (C.R. Mecos), en calidade de vicepresidente, Félix José Lamas Gondar (C.M.D.C. Breogán), como secretario, e Juan Campos Bea (Baloncesto O Meco), Carlos Silva Lima (Rasoeiro BM), Carolina Otero Lois (Amegrove C.R.) e Federico Roldán Pimentel (Raspas Corchos Club) de vocais. A S.D. Amanecer e a Escola de Vela Grove, as outras dúas sociedades fundadoras da ADM, non contan con representación na directiva.
Os responsables da Asociación do Deporte Meco aprobaron o pasado martes os estatutos definitivos da entidade, nos que se recollen coma principal fin da mesma «o mantemento e fomento do deporte base, considerando este como o practicado por deportistas de categorías xuvenil e inferiores». Ademais, a ADM centrará o seu labor en «desenvolver actividades en defensa dos seus asociados en tódolos eidos; promocionar actividades prestadoras de servicios á xuventude; e desenvolver todo tipo de accións encamiñadas a cubrir as necesidades dos asociados e a achegar recursos para cumprir cos fins fundacionais».
Reunión con Olleros
Tal e como anunciara hai un par de semanas trala súa reunión co concelleiro de Deportes do Grove, Fredi Bea, a ADM mantivo o pasado mércores unha xuntanza co edil de Turismo, Jorge Olleros. Na mesma liña mantida con Bea, os representantes da asociación de clubs aproveitaron a cita para darlle a coñecer o seu proxecto a Olleros, e solicitarlle ao mesmo tempo a colaboración do seu departamento coa ADM.
O secretario e voceiro da Asociación do Deporte Meco, Félix Lamas, explicou onte que «Olleros se amosou receptivo ante as ideas que lle expuxemos, e disposto a colaborar na medida das súas posibilidades e da concellería baixo a súa xestión».
Lamas adiantou que «tras estes primeiros contactos cos edís de Deportes e de Turismo, imos continuar coas xuntanzas co resto de partidos que conforman o goberno local e mais a oposición municipal».