Con moi bo pé iniciaron os regatistas do Liceo Casino de Vilagarcía o programa de probas puntuables para a formación da selección galega da Clase 420. Na primeira delas, o Trofeo Caixa Galicia, as cinco embarcacións desprazadas polo club á cita da pasada fin de semana en Ribeira coparon os primeiros postos das súas categorías.
A falta de vento obrigou a anular a xornada do domingo, dando por bos os resultados do sábado. Deste xeito, a tripulación mixta formada por Nicolás Rodríguez, do Náutico de Vigo, e Sergio Crespo, do Liceo Casino, acadou a victoria absoluta con sendos primeiros postos nas tres mangas disputadas. Os tamén liceístas Óscar Gómez e Marcos Castro gañaron na categoría xuvenil masculina cos seus compañeiros Rodrigo Abalo e Santiago González segundos. Roi Rogel e Julián Martínez foron os campións en cadete masculina, e Andrea Iglesias e Beatriz Silva en xuvenil feminina.