Os regatistas do Liceo Casino gañan o Trofeo Caixa Galicia da Clase Cadete

La Voz

AROUSA

27 ene 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Como vén sendo habitual nas primeiras citas da tempada da vela galega, o Trofeo Caixa Galicia da Clase Cadete concluíu coa metade das súas mangas previstas suspendidas por mor do mal tempo. Os liceístas Marcos Castro e Adrián Domínguez, en categoría masculina, e Olalla Monteagudo e Alba González, en feminina, proclamáronse así vencedores da proba disputada en Ribeira tras anularse a xornada do domingo.

No tempo de desconto do derradeiro minuto a frota tivo que abortar a saída dominical pola entrada dunha forte borrasca acompañada de saraiba e un refacho de vento que superou os 30 nós, envorcando a metade dos barcos.

Visto o visto, o comité organizador decidíu suspender as tres últimas mangas e dar por bos os resultados do sábado. Así, Marcos Castro e Adrián Domínguez gañaron o Trofeo Caixa Galicia con 6 puntos, froito dos seus segundo, primeiro e terceiro postos da xornada inaugural. Luis Bugallo e Miguel Gómez, do Real Club Náutico de Vigo, foron segundos con 8 puntos, cos liceístas Santiago González e Agustín Costa completando o podio con 10.

Pola súa banda, Olalla Monteagudo e Alba González déronlle o pleno ao Liceo Casino de Vilagarcía ao gañar en féminas con 24 puntos, suma dos seus tres parciais nas mangas do sábado: un sexto, un décimo e un oitavo postos.