Un total de 95 rapaces de media ducia de clubs da bisbarra cítanse esta tarde nas augas vilanovesas do Esteiro para competir no Campionato Galego Alevín e Benxamín de Piragüismo. Unha proba á que acoden 348 palistas de toda a comunidade, baixo a organización do Piragüismo Illa de Arousa.
Breogán do Grove, con 29 embarcacións, As Torres-Romaría Vikinga, con 22, e Piragúismo Illa de Arousa, con 21, encabezan nesta ocasión a armada arousá, que tamén pelexará polos podios en xogo da man do Náutico O Muíño de Ribadumia, con dez rapaces inscritos, o Piragüismo Cambados, con nove, e o Liceo Casino de Vilagarcía, con catro.
O Campionato Galego Alevín e Benxamín consta de seis especialidades. Os primeiros en saír ao mar serán os benxamíns homes K-1, ás catro da tarde. Cunha cadencia de 20 minutos comezarán despois as mulleres benxamíns, os homes alevíns B, as mulleres alevíns B, as mulleres alevín A e os homes alevín A. Todos eles en kaiak e con 1.500 metros de carreira por diante. Na auga, os futuros Cal, Perucho e Portela.