O Grove e Ribadumia, recoñecidos polos premios 2009 da Federación Galega

La Voz

AROUSA

03 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A xunta directiva da Federación Galega de Piragüismo fallou a semana pasada os seus premios anuais, cos que recoñeceu os mellores protagonistas do seu deporte ao longo do 2009 na nosa autonomía.

Álvaro Bravo Bravo, do Breogán do Grove, e Roberto Abal Herbello, do Náutico O Muíño, foron elixidos como mellores promesas xunto co palista do Kayak Tudense Roberto Rodríguez Lechuga. Os tres, na súa condición de integrantes do K-4 500 español que se proclamou campión de Europa Sub 23 o pasado verán. Un logro ao que Álvaro Bravo suma o seu cuarto posto co K-4 200 co que España finalizou cuarto no último Campionato do Mundo de Pista de categoría absoluta.

Os galardóns autonómicos tamén recoñeceron a Carlos Pérez Rial, Perucho , como o mellor deportista masculino, nunha tempada, a 2009, na que o campión olímpico de K-2 500 metros defendeu a camisola do Muíño.

A Federación Galega de Piragüismo decidíu asimesmo concederlle o seu premio ao mellor organizador ao Concello do Grove pola Volta á Illa da Toxa. Un galardón no que tivo moito que ver o feito de que fose a única proba do calendario galego na que se entregaron os correspondentes premios económicos o mesmo día da regata.