O Muíño abre o domingo unha nova tempada con participación en todas as modalidades de piragüismo

La Voz

AROUSA

11 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O Náutico O Muíño de Ribadumia será este domingo o primeiro equipo arousán de piragüismo en iniciar a tempada 2010. Faráo coa súa presenza no primeiro torneo da Liga Galega de Kaiak Polo, en Ferrol.

Catro partidos ten fixados ese día o club ribadumiense, que fronte ao Xuvenil abrirá a xornada ás nove da mañá. Ás once mediráse ao Copacabana, á unha ao Rodeira A, e dúas horas despois ao Rodeira B. Pola tarde os catro primeiros clasificados disputarán as semifinais e os duelos polos postos primeiro a cuarto.

Ademais de ser o primeiro club arousán en entrar en competición, O Muíño repite por segundo ano a súa condición de única entidade de Galicia en contar con representación en todas e cada unha das diferentes modalidades do piragüismo. Así, ademais do Kaiak Polo e dos tradicionais equipos de pista, ríos e travesías/maratón e de promoción, o club do Salnés volta a contar con sección de slalom, incorporando ao longo da tempada o kaiak surf e o kaiak de mar. Unha estrutura que complementa repetindo a organización da Copa Galega de Promoción de Slalom e a Baixada do Umia.

Obxectivo, o traballo coa base

A promoción da base segue a ser a guía do labor a desenvolver polo Náutico O Muíño neste 2010. Sobre todo, despois do anuncio da marcha do club do campión olímpico de K-2 500, Carlos Pérez Rial, Perucho , o gran referente da entidade de Ribadumia nas dúas tempadas anteriores.

Así, O Muíño ten a vista posta este ano na proxección das dúas perlas da súa canteira: David Maquieira e Paulino Otero. Ambos, integrantes dos equipos nacionais de pista sub 23. Maquieira, concentrado no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra baixo as ordes de José Manuel Vázquez Navia, que compaxina o seu labor federativo coa dirección técnica do Muíño. Paulino Otero, pola súa banda, permanece concentrado en Tui co equipo de kaiak sub 23 dirixido por Esteban Alonso.

De Maquieira, Otero e Andoni Larrauri, concentrado durante toda a tempada en Madrid con outro grupo de traballo da RFEP, agardan no club os mellores resultados da canteira este ano, tras a marcha do Muíño de Gabriel Campo e de Roberto Abal.