A actriz Mabel Rivera dá vida esta noite no auditorio a María Callas na montaxe «Master Class»

La Voz VILAGARCÍA/LA VOZ.

AROUSA

29 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A renomeada actriz galega, gañadora dun premio Goya, Mabel Rivera é a protagonista de Master Class , a obra dirixida por Xosé Manuel Rabón que recrea o treito final da vida de María Callas. A función dá comezo hoxe ás 21 horas e as entradas teñen un prezo único é de 5 euros

O proxecto MasterClass é o resultado do encontro de dúas dinámicas que converxen, por unha banda, na intencionalidade de encarar un proxecto de grande calado coa intención de abranguer unha distribución de amplo percorrido que, nunha primeira etapa, vai dende a súa estrea en abril do 2010 ao remate do ano polos principais teatros de Galicia, e nunha segunda, cara o 2011, por algúns dos máis importantes espazos do resto do Estado. Por outra, no apaixonamento dunha actriz galega, Mabel Rivera, de recoñecido prestixio no panorama do Estado con importantes premios no seu curriculum, por enfrontar un personaxe histórico, María Callas, cheo de matices e rexistros interpretativos, tanto a nivel persoal como artístico, que vén sendo un mito de alcance universal, no só para os amantes da ópera, senón tamén para o público en xeral.

O espectáculo toma como pretexto, desde o punto de vista argumental as famosas master class que María Callas impartiu na afamada academia neoiorquina Juilliard, ao remate da súa vida artística; e que o autor do texto, Terrence Mc Nally, transforma de maneira maxistral nun tour de force entre vida privada e artística, creando un conflito de innumerables matices no que a sabedoría do personaxe e a riqueza das súas vivencias forman un xeito de catarse na que se ven envoltos todo os participantes da representación: público, actores, cantantes.

A montaxe conta cun reparto de gran nivel, no que figuran actores da talla de Lino Braxe ou María Torres. Para os papeis líricos acudindo a cantantes de traxectoria contrastada como Julia Cea e o vilagarcián Enrique Martínez, cunha carreira internacional recoñecida, e seren escollidos no entorno do panorama lírico xeográfico procedente de Galicia para formar un equipo de traballo uniforme e dúctil.