Otero faise con praza no K-1 e no K-2 200 do Europeo Sub 23

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

14 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Cara e cruz para o piragüismo da comarca no selectivo co que onte a Real Federación Española elexiu no encoro pontevedrés de Verducido as embarcacións que representarán o equipo nacional no K-1, no K-2 e no C-1 200 do vindeiro Campionato de Europa Sub 23, en Zagreb do 30 de xuño ao 3 de xullo. O kaiaquista do Náutico O Muíño de Ribadumia Paulino Otero fíxose con sendas prazas nas dúas primeiras modalidades ao impoñerse na final directa do K-1 200, mentres que o seu compañeiro de club David Maquieira e o cesureño do Náutico O Firrete, André Oliveira, fóronse de baleiro no selectivo do C-1.

Ás dez e media da mañá saían á auga os dez aspirantes ao K-1 e ao K-2 200 do Europeo Sub 23. E Paulino impúxose cun crono de 36,802 segundos, nunha regata do máis igualada, cos cinco primeiros clasificados separados por un intervalo de tan só 430 centésimas de segundo. Na liña de meta Otero tan só lle sacou 11 centésimas ao segundo, Cristian Toro, do Talavera Talak. Rodrigo Germade, do Piragüismo Aldán, foi terceiro a 0,300 segundos do padexeiro do equipo ribadumiense, Joan Ardit, do Kayak Tudense, cuarto a 0,305, e Carlos Garrote, quinto a 0,430. Deste xeito, Paulino competirá en Zagreb no K-1 e no K-2 200. Nesta última proba, co segundo clasificado.

Un cuarto de hora despois deuse o pistoletazo de saída ao selectivo do C-1 200. Aquí o número de aspirantes á única praza en xogo era de media ducia. E Alfonso Benavides, do Port de Pollença, levouse o gato á auga. E con claridade, completando a distancia en 41,229, con case dous segundos de vantaxe sobre André Oliveira, segundo con 43,127, e case tres respecto a David Maquieira, terceiro, que se foi ata os 44,217.

Copa de España de 200 e de 500

Otero, Oliveira e Maquieira voltan esta fin de semana ao encoro de Verducido, para competir na Copa de España de 200 e de 500 metros. Unha cita na que os dous últimos tentarán resarcirse do selectivo de onte facéndose hoxe co título estatal do C-1 200 e co premio que o acompaña, a praza na selección española que competirá no Campionato de Europa Absoluto de Belgrado, do 17 ao 19 de xuño. Claro que terán duros competidores da talla do tetramedallista olímpico David Cal, José Luis Bouza, que xa ten no peto a praza hispana no C-1 1.000 en Belgrado, o grovense Tono Campos ou o padexeiro das Torres Diego Romero.

En Verducido están hoxe tamén en xogo as prazas para o Europeo Absoluto no K-1 500 e 200. Esta ultima categoría, con poucas dúbidas ante a presenza de Carlos Pérez Rial, Perucho.

A Copa de España de 200 e de 500 decide hoxe o nome dos seus campións individuais, e mañá os das embarcacións dobres.