A cuarta edición do Torneo Internacional de Minibasket do BBC arrinca esta tarde nos dous pavillóns de baloncesto do complexo polideportivo de Fontecarmoa. Faino con oito equipos en lid, e coa novidade da ampliación do campionato máis aló de Galicia e de Portugal, con presenza de dous conxuntos de Castela e León.
O presidente do BBC, Álvaro Monteagudo, encabezou na véspera a presentación oficial do evento en compañía dun representante de Novacaixagalicia, e do técnico da Fundación de Deportes da capital arousá, Juanmi Doval, ambas entidades, colaboradoras da cita.
Os equipos disputarán entre hoxe e mañá unha liguiña, cun grupo formado polo Sigaltec BBC, Breogán, Forum de Valladolid e Vasco da Gama e outro integrado por O Meco do Grove, Colegio Leones, Seis do Nadal e F.C. Porto.
Os dous primeiros partidos comezarán esta tarde ás 18.30 horas, completándose a xornada con outros tantos a partir das 20. A fase de liguiña pecharáse mañá con encontros ás 11, ás 12.30, ás 17 e ás 18.30 horas, quedando para o domingo pola mañá os duelos polo terceiro ao oitavo postos e, a partir das 12.15 horas, a final polo título. Haberá trofeos ao máximo anotador e mellor xogador do campionato.
A organización pretende que o Torneo sirva tamén de convivencia para os rapaces. De aí que, como novidade, estes se hospeden xuntos no cámping de Bamio, en tendas de campaña cedidas pola Deputación de Pontevedra.