Dani Abalo retorna ao fútbol español da man do líder da Segunda, o Alavés

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA FERREIROS

O vilagarcián chega coa carta de liberdade tras rescindir a metade da primeira tempada o seu contrato de dous anos co Sivasspor turco

21 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Era o seu obxectivo o pasado verán, e con algo de retraso sobre os seus plans, o vilagarcián Dani Abalo por fin está de regreso no fútbol español. Faino tres anos xustos despois de abandonalo coa súa segunda e última cesión polo Celta, o club da súa vida, con destino ao Beiramar da Primeira División de Portugal. O Deportivo Alavés é, ata o vindeiro 30 de xuño, o seu novo destino.

Así o anunciaba onte o propio club vasco, líder da Segunda División, a través da súa páxina web. Nela infórmase de que Dani Abalo chega ao cadro albiazul coa carta de liberdade, tras zanxar o contrato de dous anos de duración que asinara o pasado verán co Sivasspor turco. Un conxunto no que compartíu vestiario e trabou amizade co ex futbolista da selección brasileira e do Real Madrid Cicinho, e ao que chegara coa idea de continuar disfrutando do seu protagonismo as dúas tempadas anteriores no Ludogorets Razgrav de Bulgaria.

Mais lonxe de repetir os dous dobretes en Liga e Copa, e de saborear a estrena nunha fase final da Liga de Campións, debutando ademais en Anfield e co primeiro gol na historia do Ludogorets Razgraz na maior competición internacional de clubs, Dani Abalo, autor de 21 tantos nos seus 83 partidos co cadro búlgaro, atopouse con moi poucos minutos de xogo nun equipo turco que ademais non cumpríu o obxectivo inicial de pelexar na metade da táboa, senón por non descender.

O que foi no seu día unha das maiores promesas da canteira do Celta de Vigo pasou do antepenúltimo clasificado da Primeira División de Turquía a defender a camisola dun histórico do balompé español, o Alavés, que ameaza con voltar á elite. Na actualidade, á fronte da táboa cos mesmos 39 puntos có Córdoba ao remate da primeira volta.