Araceli Oubiña parte cara a Nepal a un novo reto solidario nas alturas

Vilagarcía / La Voz

AROUSA

A cambadesa participa na expedición co club asturiano Unaauna a prol dunha ONG local que traballa na defensa dos dereitos das nenas e das mulleres en xeral do país asiático

30 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A cambadesa Araceli Oubiña debería rematar o día de hoxe asentada no país que a acollerá durante as vindeiras tres semanas. Un Nepal cara ao que partía onte desde Madrid tras cumprir en Galicia coa súa xornada laboral ordinaria, escala en Catar e chegada a Katmandú, a capital do país asiático. Por diante, a que será a súa segunda aventura solidaria nas alturas. Un ano despois de subir ao cumio do Uhuru Peak (5.895 metros) no Kilimanjaro para facer visible o cancro de mama e a capacidade de superación física e mental dos seus afectados, agora Oubiña súmase a unha das súas compañeiras entón, a asturiana Rosa Fernández, na ducia de integrantes do Club Unaauna que preside esta última, e que cruzará o Val do Khumbu aos pés do Everest para facer cumio no Pico Lobuche, a 6.111 metros sobre o nivel do mar. A entrega dunha doazón económica a Maiti Nepal, unha ONG dedicada desde 1993 a protexer as nenas e mulleres de Nepal da violencia doméstica, trata e prostitución, porá punto e final á viaxe.

«Estou un pouquiño menos nerviosa có ano pasado. Xa non son os nervios de como respostará o meu corpo. Vou gozalo de forma diferente», declaraba Araceli na véspera do inicio da súa viaxe asiática. A nivel deportivo, «o meu obxectivo é subir eses 6.111 metros finais», o que lle esixirá dar nas dúas derradeiras xornadas da expedición aos pés do Everest un salto cualitativo desde o trekking a unha escalada que lle era descoñecida ata agora. Se non pode, «non pasa nada», afirma. E a nivel persoal, «teño moitas ganas de coñecer Maiti Nepal».