«Entre as ofertas hai cousas moi interesantes»

m?.h. PONTEVEDRA / LA VOZ

AROUSA

19 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Alberto Rodríguez é a persoa que se encarga de visualizar e contabilizar as ofertas de traballo que van chegando ata a escola de hostalaría Carlos Oroza de Pontevedra, unha das portas ás que chaman os hostaleiros cando necesitan persoal. Rodríguez explica que levan varios anos recibindo un bo número de ofertas laborais para facerlles chegar aos seus alumnos. E indica que no que vai de curso enviáronlles 85, moitos delas nos últimos tempos pola proximidade do verán. «Estamos vendo que se necesita persoal practicamente todos os meses do ano. De feito boa parte dos nosos alumnos teñen traballos para as fins de semana ou para datas sinaladas todo o ano».

As palabras de Rodríguez reflicten que, en canto ofertas, en cantidade non están mal as cousas. ¿E en calidade? Di o seguinte: «Nós só nos encargamos de recibir as ofertas xenéricas e non vemos as condicións de cada unha delas, iso xa o trata o traballador e o hostaleiro. Pero aínda así entre as ofertas hai cousas interesantes, que soan distinto. Por exemplo, pídense cociñeiros para facer cociña ecolóxica ou tamén para un tipo de pratos moi alternativos, o cal soa apetitoso cando un está estudando un ciclo dos nosos».

Na escola teñen claro que se ata agora chegaron 85 ofertas, unha cifra que xa lles parece abundante, de aquí ao verán multiplicaranse os correos electrónicos. Creen que cada vez máis o sector procura contratar persoal formado e cualificado.