
O vilagarcián chega nun grande estado, sexto na Klásika de Amorebieta
20 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.O calendario do vilagarcián Gustavo César Veloso e do cambadés Ángel Sánchez conflúe desde hoxe e ata o domingo nunha das citas con nome propio no ciclismo peninsular, a Vuelta Ciclista a Castilla y León. Unha cita con 18 equipos, coas dúas escadras referentes no panorama español, o Movistar Team e o Caja Rura-Seguros RGA encabezando un listado no que tamén figuran o Euskadi Basque Country-Murias, o Burgos BH e o Team Euskadi.
Portugal é o segundo país con maior presenza na rolda, co Efapel, co Sporting Tavira, co Liberty Seguros Carglass e co W52-F.C. Porto de Veloso e de Sánchez, o primeiro atopándose no pelotón con Delio Fernández, o seu antigo lugartenente de luxo e desde hai tres tempadas nas filas dun Delko Marseille Provence KTM no que se converteu en referente nas grandes clásicas do calendario profesional europeo.
A etapa de hoxe, 182,4 quilómetros entre Alba de Tormes e Salamanca, dará paso mañá a unha xornada entre Valladolid e Palencia (178,3 quilómetros), para rematar o domingo con saída en Segovia e chegada final a Ávila (165,6).
Nas últimas dúas semanas Veloso volveu dar mostras do seu acerto no cambio de preparación o pasado inverno. Cun sexto posto o día 8 nunha Klasika Primavera de Amorebieta dominada polo Movistar, que levou o triunfo da man de Andrey Amador con Alejandro Valverde ao seu carón e, a tan só 10 segundos, un grupo de cinco corredores nos que aparecía o vilagarcián. E a semana pasada, no Grande Prémio Internacional Beiras e Serra da Estrela, figurando os tres días da rolda portuguesa nos postos dianteiros, nunha carreira que se decidíu polas bonificacións, con Veloso rematando decimoterceiro da xeral a 32 segundos do ruso do Lokosphinx Dimitrii Strakhov, compañeiro na grupeta coa que chegara á meta de Amorebieta. «Creo que estou para rodar adiante. Agora o que manda é a estrada», declaraba onte Gustavo César.