O Cambados TM aspira hoxe a un histórico ascenso á Superdivisión

AROUSA

Ramón Leiro

 Os de Ñajo Padín mídense esta mañá en Pontevedra o Mataró tras superar onte o Assa Alicante e o ADTM Leganés

08 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Historia. Iso é o que a primeira hora da tarde de hoxe aspira facer o plantel do Cambados Tenis de Mesa. Cun ata hoxe inédito ascenso á Superdivisión, a elite das competicións de clubs do deporte das pas en España, no que o conxunto da vila do albariño quere recuperar o derbi co Vilagarcía T.M. seguindo o paso do veciño un ano despois. A partir das once da mañá, no Pavillón Príncipe Felipe de Pontevedra, o trío coordinado por Ñajo Padín pelexará a segunda e última praza de ascenso co Quadis Centre Natació Mataró, o campión do Grupo 2 da División de Honra, vítima onte do Visit Pontevedra, que ao título de Liga no Grupo 1 sumaba a última hora da tarde o de novo equipo de Superdivisión cun contundente 4-1 sobre o hoxe adversario arousán.

Este, pola contra, chega ao partido do k.o. polo camiño longo. Repescado grazas á renuncia do AD Collado Mediano, terceiro do Grupo 1, o Cambados T.M. superaba onte á mañá o subcampión do 2, o Assa Alicante T.M., por un axustado 4-3, para gañarse un oco na final derrotando pola tarde 4-2 o ADTM Leganés, o outro subcampión presente na fase.

No primeiro dos enfrontamentos o Cambados xogou co plus de verse sempre por diante agás o 2-2 e 3-3. Fernando Padín superaba a Alberto Lillo 3-2, con José Manuel Ruiz impoñéndose acto seguido a Marc Gutiérrez 3-1. Rafael Taboada cedía 2-3 o seu choque con Artem Zimarin, e Padín 0-3 ante Gutiérrez. Taboada recuperaría a iniciativa no marcador para o cadro galego ante Lillo cun 3-2, e Zimarin forzou o desempate cun 0-3 con Taboada. No dobres Taboada e Ruiz gañaron 3-0 a Zimarin e Gutiérrez. O partido alongouse ata as catro horas e cuarto.

O Cambados T.M. sabía que fronte ao Leganés os dous puntos co chinés Wei Dong Shi estaban perdidos. Como así foi. O asiático venceu 0-3 a Ruiz e a Padín. Pero este abrira o duelo cun 3-1 a José Manuel Alcántara, e Taboada desfacía o 1-1 cun 3-0 ante Emilio García-Romeu. Nos dous últimos choques Taboada dobregaba a Alcántara 3-1, e por idéntico resultado Ruiz facía o propio con García-Romeu. Outras tres horas de xogo nos corpos do trío cambadés, que debe recuperarse en tempo récord para poder materializar o seu soño.