
A directiva xestiona a preinscrición do primeiro plantel na Liga EBA
05 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Os socios do Club Xuventude Baloncesto levaban semanas convocados para o domingo 8 de xullo á asemblea xeral ordinaria da entidade. Unha xuntanza na que a directiva que preside Toño Lema ten previsto informar polo miúdo do delicado estado económico do Xuven, sobre o que descansa a dura decisión dos seus rectores de renunciar á posibilidade de continuar na LEB Prata logo do descenso deportivo e tras a ampliación da categoría de 16 a 24 equipos a vindeira tempada. Mais a asemblea quedou onte adiada sen data. O motivo, explicou o propio presidente a través dun comunicado de prensa, o estado de saúde que atravesa el mesmo: «Llevo ya unos meses con un problema serio de salud y en estos momentos el mandato médico me obliga a tomar esta decisión, que aguardo no se alargue mucho en el tiempo. Hay momentos en los que hay que tomar decisiones que puede que no agraden a todos, pero os aseguro que estoy muy afectado por mi enfermedad».
Pese á súa situación persoal, Toño Lema e o seu equipo están a traballar na medida do posible de cara á vindeira tempada. No tocante ao primeiro plantel do club, dando os pasos correspondentes de cara a inscribir o equipo na EBA. Comezando pola xestión do aval, trámite este moito máis asequible respecto ás cinco tempadas anteriores, nas que inscribir o Xuven na LEB Prata requería partir dun documento legal por valor de 60.000 euros que o respaldase.
Con todo, desde o club subliñan que a xestión da preinscrición na EBA non supón que o Xuven remate saíndo na cuarta e última categoría estatal do baloncesto español, ao non descartar a directiva mesmo baixar outro chanzo, ata a Primeira Autonómica. Unha decisión que, de partida, despexarán os responsables do Xuven a vindeira semana, antes da asemblea.