Os traballos na Autovía do Salnés obrigarán a desviar o tráfico este xoves entre os enlaces de Curro e Ribadumia

La Voz VILAGARCÍA

AROUSA

MARTINA MISER

A medida estaba prevista para o mércores, pero aprazouse polo mal tempo

24 sep 2019 . Actualizado a las 13:52 h.

As obras de renovación do pavimento na Autovía do Salnés obrigarán a desviar o tráfico a partir deste xoves, para o que se habilitarán pasos alternativos evitando cortes na circulación dos vehículos. Case todos os desvíos realizaranse trasladando o tráfico ao carril interior da outra calzada entre os dous pasos de mediana máis próximos ao tramo en execución, cunha lonxitude máxima de catro quilómetros. Haberá dúas excepcións, nos enlaces de Curro e Ribadumia, dos puntos quilométricos 3 a 3,7, en ambas as calzadas en dirección Sanxenxo, onde o tráfico será desviado a través da PO-300, EP-9305 e VG-4.2, nun traxecto dun 11,5 quilómetros.

Os desvíos anunciaronse, inicialmente, para o mércores, pero a Xunta decidiu retrasar a medida para o xoves debido á previsión de mal tempo. En sentido AP-9 o desvío producirase na última xornada de traballos, prevista para finais de outubro. Os desvíos serán sinalizados en cada cruzamento dese percorrido, e cada unha destas fases se prevé completar nunha única xornada. No enlace de San Martiño (Meis) o tráfico en sentido Sanxenxo desviarase aproveitando a vía colectora que discorre paralela á área de servizo.

«Nalgúns casos os desvíos impedirán que os vehículos poidan saír da Autovía do Salnés por algún enlace no sentido de circulación, para o que se garantirá sempre a circulación ata o seguinte enlace e facer un cambio de sentido para saír polo enlace desexado desde a outra calzada, o que estará adecuadamente sinalizado. Igualmente o acceso á AG-41 a través dun enlace deberá facerse puntualmente en sentido contrario para facer o cambio de sentido no anterior e pasar a circular xa no sentido desexado», segundo informa a consellería.

Cabe sinalar tamén que na programación desta intervención tense tamén en conta a celebración da Festa do Marisco do Grove, do 3 ao 13 de outubro, que no coincidirá con ningún destes desvíos totais.

Esta obra supón un investimento superior aos 5,1 millóns de euros. As obras teñen un prazo de execución total de 8 meses, pero estímase que coa planificación aprobada poderán estar rematadas este mesmo ano. Trátase da execución dos traballos de estendido da nova capa de rodadura a aplicar en toda a lonxitude da AG-41 e nos ramais de enlace, que se estenderá a calzada completa para evitar a formación de xuntas lonxitudinais na mesma. A intervención terá unha duración estimada de cinco semanas, sempre que as condicións meteorolóxicas sexan favorables.