Catú, o insospeitado goleador que mantén o forte na ausencia de Beda

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

O Arousa débelle ao central santiagués os seus 4 puntos nos tres últimos partidos, nos que anotou tres dos cinco tantos do cadro arlequinado

25 feb 2020 . Actualizado a las 13:47 h.

Con tres reforzos apuntalaba o Arousa na derradeira semana do mercado de inverno o cadro de persoal de Rafa Sáez. Tres futbolistas que elevaron desde o primeiro día o nivel dos adestramentos e o potencial do xogo arlequinados. Un deles, ademais, está a amortizar o investimento do club vilagarcián na súa fichaxe en tempo récord. E é que se o Arousa suma 4 puntos nas tres últimas xornadas, e non menos, quizais mesmo 0, é grazas á pericia goleadora de Sergio González Quintáns, Catú, o insospeitado relevo goleador do pichichi do equipo, Pedro Beda, que o domingo se perdía o terceiro dos en principio seis encontros que deberá seguir desde a grada por unha rotura fibrilar.

Catú erixíuse nun tan inesperado como efectivo substitutivo do indispensable complemento vitamínico no que se converteu esta tempada o dianteiro centro brasileiro para o Arousa na súa pelexa por volver á promoción de ascenso a Segunda B máis dun cuarto de século despois. E dicimos inesperado por canto o santiagués, cedido ata final de tempada polo Racing de Ferrol, foi incorporado como un seguro na frontal da zaga arlequinada, nin moito menos como un home-gol.

Cun tanto no minuto 26 igualaba Catú o 0-1 co que Rubén Pardo adiantaba o 9 de febreiro ás Pontes no Municipal de Vilaxoán, e coa súa segunda diana como xogador arousista o compostelán pechaba o 3-1 daquel partido no minuto 78. O pasado domingo, no mesmo escenario, o central batía o porteiro do Racing Vilalbés cazando no corazón da área o rexeite dun disparo de Pedro García tras saque de córner, e enviando un mísil sen interceptación posible entre os tres paus; era o 1-0.

«Nunca había metido tres goles tan seguidos. Es la primera vez que me pasa», comentaba onte sobre a súa xeira goleadora Catú, un xogador que fala dos catro tantos que marcou nunha das súas tempadas no Compos como a súa mellor marca persoal ata o momento nunha Liga.

Autor de tres das cinco dianas do Arousa nestas tres últimas xornadas -o gol de Róber ao Silva non se traducíu en puntos-, Catú, que suma o valor engadido de ter marcado non a balón parado, como se presuporía dun central físico coma el, senón en segundas xogadas, atribúe a circunstancia a unha cuestión de «rachas». E quítase calquera presión: «No está dentro de mi deber. Si lo hago, bien. No vengo pensando en marcar goles. Pero si lo hago, bienvenido sea».

De feito, co que se quedou o defensa do partido do pasado sábado co Racing Vilalbés foi con que «el empate nos dejó un poco tocados, por como se produce, en un córner, y cuando teníamos que haber encarrilado el partido antes del descanso».

Sobre o feito de que o Arousa se deixara 5 puntos fronte a equipos da zona media e baixa da clasificación nas dúas últimas semanas, Catú enténdeo dentro da normalidade dunha Liga na que «todos los partidos son complicados, y donde se pierden puntos en donde menos lo esperas, y al contrario». Así as cousas, conta que no vestiario da Lomba «estamos con ganas de que se juegue el siguiente partido». A visita, o sábado, a un Arzúa só 3 puntos por debaixo.