Os presuntos ladróns venderon a bicicleta de BTT de Veloso por 50 euros

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

A Policía Nacional atribúelles o roubo das dúas monturas profesionais a dous varóns de 19 e de 28 anos

02 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Gustavo César Veloso recolleu onte a media mañá na comisaría da Policía Nacional de Vilagarcía a bicicleta exclusiva de BTT que lle fora roubada na madrugada do domingo da semana anterior no recinto exterior da súa vivenda xunto coa montura de carreiras coa que compite no pelotón profesional co seu equipo, o W52-F.C. Porto. Esta última, de volta ao seu domicilio o venres.

A Policía Nacional informou de que detivo a dous varóns, de 19 e de 28 anos, o último con antecedentes policiais, como presuntos autores do roubo, nun operativo fraguado grazas á colaboración cidadá á hora de identificar unha das bicis nun garaxe. Polo que soubo Veloso, a de BTT foi recuperada dun terceiro que «a comprou por 50 euros», cando no mercado, di o ciclista, «custaría entre 6.000 e 7.000». Un detalle que o leva a concluir que estariamos ante «xente que consume substancias e que víu unha maneira de conseguir diñeiro rápido».

«Foi un final feliz», declaraba onte Gustavo, para quen «o máis importante é recuperar a tranquilidade da miña familia». Algo do que xa se asegurou adoptando as necesarias precaucións.