Portos de Galicia autoriza o uso do Cantiño para as festas gastronómicas dos clubs da Illa

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

As entidades deportivas e o Concello tiveron onte unha primeira reunión para fixar o protocolo hixiénico-sanitario que permita a súa celebración

26 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O luns os catro maiores clubs da Illa de Arousa recibían a grata noticia a través do Concello: Portos de Galicia viña de autorizar a instalación no paseo do Cantiño das carpas para as festas gastronómicas que cada ano abastecen o 50 % dos orzamentos do Céltiga, do Piragüismo Illa, do C.B. Dorna e do Club Ximnasia Rítmica Arousa. Obtido o permiso de ocupación do espazo portuario, as catro entidades deportivas e mais o goberno local mantiñan na tarde de onte unha primeira xuntanza de traballo á que deberían de seguir varias máis nos vindeiros días, de cara a fixar un protocolo hixiénico-sanitario común que lle permita ao Concello da Illa de Arousa conceder a necesaria autorización municipal ás celebracións gastronómicas.

Espazo 100 % seguro

«Temos que preparar un protocolo que teremos que seguir todos os clubs para respectar as esixencias fixadas pola lei, e máis, con medidas extraordinarias. Un protocolo que nos permita certificar ao 100 % que as nosas festas son un espazo seguro, que a xente veña tranquila sabendo que alí non se vai contaxiar». Deste xeito resumía horas antes da primeira xuntanza de traballo Álex Zels, voceiro do Céltiga e coordinador das súas festas gastronómicas desde hai 12 anos, o camiño que inda lles resta por facer aos clubs e mais o goberno local da Arousa para tirar adiante cun programa que debería arrincar coa Festa da Navalla, do 24 ao 26 de xullo, a cargo do C.B. Dorna, para continuar coa Festa do Mexillón, o 31 de xullo e o 1 e 2 de agosto, organizada polo C.X.R. Arousa, coas Festas Gastronómicas de Produtos do Mar do Céltiga repartidas entre o 6 e 9, 13 e 16 e 21 e 23 de agosto precedendo as dúas citas culinarias este ano en mans do Piragüismo Illa, a Festa da Ameixa Roxa, do 28 ao 30 de agosto, e a do Polbo, do 4 ao 6 de setembro.

Zels salienta a obriga de mudar a maneira de enfocar a loxística das festas organizadas polos clubs: «Haberá que fixar control de accesos -que non existía ata agora-, que non haxa aglomeracións para mercar os tickets nin para coller as mesas, sinalización de distancias sociais, que facemos cos baños... Son moitas cousas que hai que planificar. E temos que poñernos todos de acordo».

Un terzo menos de aforo

Entre os temas capitais, desde o Céltiga asumen que toca reducir sensiblemente o aforo das festas: «Se tiñamos 900 persoas sentadas, calculamos que tocará deixalas en 600». Porque máis aló das marxes da regulación legal, «queremos que a xente se sinta segura».

«A un mes vista para nós é moi pouco tempo para organizar unha festa, pero moito para que o coronavirus se meta polo medio», di Zels. Con todo, confía en que todo sairá ben. Ata o punto de poñer o luns en marcha a loxística das Festas dos Produtos do Mar.