Das confirmacións

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa O GROVE

AROUSA

MONICA IRAGO

12 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Durante o pasado estado de alarma publiquei semanalmente nestas páxinas uns catorce artigos críticos coas formalidades xurídicas empregadas polo Goberno central para enfrontarse á actual peste. A hemeroteca de La Voz dá fe de datas e contidos. Discrepei, xa se verá se con acerto ou sen el, das técnicas lexislativas, da limitación de dereitos fundamentais e ata pedín, a primeiros de abril, coidado para os coidadores.

Foi unha disensión permanente, non co obxectivo das medidas, senón coas formas, coa privación indiscriminada de dereitos e cos xeitos centralizadores que, ao meu entender, non foron necesarios nin útiles. Esa regulación, como tamén dixen, provocou a ruína económica do pequeno autónomo -un empregado máis, pouco protexido- que, de súpeto, quizá onde había menos perigo, viuse privado de exercer a súa actividade. Disentín e recibín ataques ad hominem que nin se permitían referirse ao que argumentaba.

Agora acabou o estado de alarma e as comunidades autónomas, retomando as súas competencias en sanidade, combaten a peste acordando medidas que logran os mesmos resultados sen ter que acudir a aquela normativa excepcional e lesiva, un tanto faranduleira. Non son adiviño para saber que pasará, pero si sei, á vista das medidas adoptadas, que non había necesidade ningunha daquel infausto estado de alarma. Tamén en relación con eses artigos nos que eu denunciaba violación de dereitos fundamentais -liberdade de circulación, intimidade- teño que dicir que sentín estes días unha satisfacción, quizá amarga, cando precisei ir á web de Amnistía Internacional e lin que o que alí se di sobre os efectos da loita contra a covid-19 polo mundo adiante ía no mesmo sentido; e esta organización non é, precisamente, un modesto colaborador dunha sección local dun periódico. A modo de exemplo, agora mesmo ten en marcha unha campaña para que se dote de medios aos sanitarios e recorda que se contaxiaron, fundamentalmente en atención primaria, máis de 51.000 profesionais da saúde, cun 76,5 % de mulleres e con 63 falecidos. Hai responsabilidades administrativas claras. Amnistía recórdanos que a atención primaria precisa máis medios e recursos. Inquietan, tamén, as publicacións relativas á nosa Europa cando invoca que «a violencia policial e a preocupación polo racismo institucional non son cuestións novas, pero a pandemia do covid-19 e a aplicación coercitiva das conseguintes medidas de confinamento sacaron á luz o seu grado de extensión. Europa debe abordar urxentemente a tripla ameaza da discriminación, o uso ilexítimo da forza e a impunidade policial». Cóntanos como a aplicación policial das medidas de confinamento afectou ás minorías étnicas e aos grupos marxinados, que sufriron actos de violencia, controis de identidade discriminatorios, corentenas forzosas e multas. E como non, lémbranos a perigosidade do sistema de rastreo de contactos a través do móbil. Pois iso: que quen me leu, non recibiu unha opinión infundada.