Quico Cadaval regresa a Vilagarcía con «Medida por medida»

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

PACO RODRÍGUEZ

A representación, no Auditorio, será o sábado a partir das 21.00 horas

18 oct 2020 . Actualizado a las 18:09 h.

Sobre o escenario do Auditorio volverá a representarse unha obra de William Shakespeare. Será Medida por Medida, a comedia máis escura do dramaturgo británico, adaptada para a ocasión e aos tempos actuais polo ribeirense Quico Cadaval para a compañía Producións Teatrais Excéntricas. Unha obra que fala da inmoralidade e da corrupción no sentido máis amplo , vista dende o punto de vista dunha xoven inocente monxa. O espectáculo forma parte do ciclo programado a través do convenio financiado pola Concellería de Cultura de Vilagarcía e Agadic. A representación terá lugar o sábado, ás 21.00.

Medida por Medida acontece nunha Viena surrealista inventada por Shakespeare. Nela, o mandatario Duque Vincenzo pasa á clandestinidade e manda aplicar con todo rigor a lei contra os comportamentos inmorais. Cae a lei por igual sobre o negocio do sexo e sobre a xuventude hedonista. Neste contexto, un xoven de boa familia é condenado a morte. Isto obriga a Isabella, a súa irmá monxa, a abandonar o convento coa tentativa de salvar a vida do seu pecadento irmán.