O pleno cambadés tíralle das orellas ao Consello Rías Baixas: mellor, en galego
AROUSA
Aprobou unha moción neste sentido e outra a favor de crear a Canle Xabarín
30 ene 2021 . Actualizado a las 11:11 h.O pleno de Cambados aprobou o xoves dúas mocións dirixidas a promover o uso do idioma galego. Unha referida á creación da Canle Xabarín e outra instando ao Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas a empregar a lingua galega nas súas comunicacións oficiais, cousa que non ocorre neste momento. En ámbolos dous casos as propostas partiron do grupo de goberno (PSOE-Somos) e saíron adiante co apoio da oposición, aínda que non sen controversia.
A polémica xurdida días atrás entre o BNG e Somos arredor da iniciativa lexislativa popular que impulsa a Mesa pola Normalización Lingüística a prol de crear a Canle Xabarín na televisión pública reproduciuse no pleno. O voceiro nacionalista tratou de evitar alusións ao tema, pero non así o concelleiro de Somos, Tino Cordal, que acusou ao BNG dun «odio obsesivo cara a nós, porque nos identifican como o seu principal inimigo político».
Cordal dixo estar doído porque se lle acuse de plaxio á hora de abordar a defensa do idioma, defensa que, por certo, enarboraron outros concelleiros durante o pleno. «Eu falo galego o 99 % do día», dixo o popular Luis Aragunde, e José Ramón Abal de Cambados Pode non quixo ser menos: «Eu, coma Tino, tamén falo en galego, aínda que non sexa o normativo».
O PP abstívose neste punto alegando que a CRTVG xa está apostando pola programación infantil e xuvenil na lingua de Rosalía, pero si apoiou a petición en relación ao consello regulador, non sen antes lembrar que «o presidente foi elixido polos produtores e adegueiros, e hai que respectar iso». «A min tamén gustaríame que [o presidente Juan Gil] se expresase en galego, pero, se el se sente máis cómodo en castelán, non lle poría pegas, iso si, a memoria anual debería ir en galego», matizou Aragunde.
Cordal, que defendeu a moción en calidade de concelleiro de Normalización Lingüística, negou que esta obedeza a unha cuestión persoal contra Gil -tal e como lle reprochou Abal- e argumentou que un órgano que representa a identidade cultural dun sector como o do viño ten que utilizar a lingua de Galicia, posición que apoiaron tanto o seu socio de goberno, PSOE, como o BNG. «Unha entidade como un consello, cuxa función é promover os produtos pola súa a orixe, non pode disociarse do idioma que se fala en Galicia», sinalou Samuel Lago. A esquerda vai máis alá e pensa que a Xunta debería esixirlle ao consello este requisito á hora, por exemplo, de optar a subvencións, algo que desde a dereita ven excesivo.