Os concellos de Arousa celebraron o día do libro con diferentes propostas
24 abr 2021 . Actualizado a las 20:06 h.Se, como sucede en certas obras de ficción, una civilización extraterrestre visitase unha Terra xa sen seres humanos e os seus viaxeiros accedesen a unha biblioteca, é moi probable que ficasen abraiados diante da extrema eficacia comunicativa dos pequenos artefactos de papel -transmutados co paso do tempo e a pegada da tecnoloxía, coma tantas outras cousas, en versións dixitais- que os homes nomearon co termo libro. Capaces de transmitir o coñecemento e os soños de toda unha especie a través do espazo e do tempo, non os navegantes interplanetarios non verían estraño que os homínidos máis evolucionados do planeta dedicasen un día a celebrar este vello e funcional invento. Como cada 23 de abril, onte conmemorouse a xornada do libro, e os distintos municipios de Arousa traballaron diferentes propostas.
A data escollida non é resultado do azar, xa que o 23 de abril de 1616 finaron os que probablemente sexan os meirandes escritores de todos os tempos: Miguel de Cervantes e William Shakespeare. Tampouco é casualidade, xa que logo, que a biblioteca Rosalía de Castro de Vilagarcía organice unha exposición dedicada aos dous autores. A mostra, que pode ser visitada ata finais de mes, componse de distinto material que dará a coñecer á cidadanía o fondo de títulos que o centro municipal de lectura contén sobre Cervantes e Shakespeare, tanto en forma de obras de seu como a través de traballos e estudos de especialistas.
A concellería de Cultura edita, ademais, dous trípticos que recollen listados de obras, diferentes edicións, adaptacións e versións do Quijote, así como ampla información sobre as creacións do dramaturgo británico.
Pontecesures, pola súa banda, aproveitou a conmemoración para fundir o tecido cultural e comercial do municipio, de xeito que quen visite a Casa da Lamprea e a praza de abastos durante a fin de semana será agasallado cun libro. O rexedor, Juan Manuel Vidal Seage, explica que os lectores poderán escoller entre títulos de literatura infantil e xuvenil para os máis novos, fondos bibliográficos sobre heráldica e xenealoxía nobiliaria de Galicia, ou atlas ilustrados e clásicos da literatura galega a universal.
Á súa vez, a concellería de Cultura de Cambados organizou, por segundo ano consecutivo, o concurso Tes un conto para celebrar o día internacional do libro, de acordo coas bases que poden consultarse na web municipal.