O Obradoiro abre hoxe a pretemporada fronte ao Porto na VBCup Helena Mariño

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

PACO RODRÍGUEZ

A organización, a cargo do CB Vilagarcía, calculaba ter vendido xa onte o 75 % das localidades de Fontecarmoa

26 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A Vilagarcía Basket Cup Helena Mariño completa esta tarde o programa das súas vodas de prata co partido entre o Monbus Obradoiro e o último subcampión da máxima categoría do baloncesto portugués, o Porto; desde as 20 horas no pavillón de Fontecarmoa.

Trátase sen dúbida dun encontro do máis interesante para o afeccionado galego ao baloncesto. Pola parte do Obradoiro, por ser este o primeiro dos choques de preparación do conxunto que, un ano máis, dirixe Moncho Fernández. Un duelo ao que chega con tan só unha semana de posta a punto e cun terzo do seu cadro de xogadores ausentes: os irmáns Scrubb, coa súa selección, Dragan Bender, que non viaxará a Santiago ata a vindeira semana, e Marcus Paige, nos Estados Unidos para completar a documentación do seu visado de traballo.

Así as cousas, o Obra xoga hoxe con tan só dous bases do primeiro equipo, Westermann e Zurbriggen, este último recuperándose dunha lesión no lombo, dous aleiros, Álvaro Muñoz e David Walker, e os interiores Blazevic, Rubén Guerrero, Álex Suárez e Edgar Vicedo. Xunto a eles, cinco xogadores da canteira: Santi Paz, Carlos Taboada, Guille López, Javi Luque e Fallou Niang.

No Porto, conxunto que disputará competición europea esta temporada, o maior aliciente será ver os primeiros pasos do equipo tras o punto final a 12 anos de dirección do adestrador galego Moncho López, hoxe na Segunda División de Xapón.

A organización, a cargo do CB Vilagarcía, calculaba ter vendido xa onte o 75 % das localidades de Fontecarmoa. Esta mañá poderánse seguir comprando na web do club e na tenda Motobazar. Ademais, desde as 18 horas poránse á venda 200 entradas en taquilla.