Memorial con Cortegada e Arxil e retirada de camisola na honra de Araceli Oubiña

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

CEDIDA

O Pombal acollerá o domingo 25 un partido entre os dous ex equipos da cambadesa, promovido polo Xuven

17 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Domingo 25 de setembro ás 12 horas no Pavillón do Pombal. Este é o día, hora e lugar no que o Mariscos Antón Cortegada e o CB Arxil xogarán a primeira edición do Memorial Araceli Oubiña. Unha iniciativa do Club Xuventude Baloncesto, no que Ara dera os seus primeiros pasos nas canchas, e respaldada polo Concello de Cambados co obxectivo de honrar a figura deportiva, pero sobre todo humana dunha persoa que, subliñou a concelleira de Muller, Fátima Abal, pasou a formar parte dos persoeiros da historia do seu pobo.

Proba do impacto que Araceli Oubiña causou en cantos atopou en vida foi a presenza na presentación do Memorial de todos os actores implicados, incluídos representantes dos dous clubs en lid no parqué do Pombal o vindeiro día 25, escollidos por ter contado con Ara como xogadora e, no caso do Cortegada, tamén como adestradora.

«Con este memorial preténdese honrar a figura de Araceli Oubiña, destacada deportista, pero quizais máis recoñecida pola loita que levou durante os seus últimos anos contra o cancro de mama metastásico que ao final acabou coa súa vida, pero tamén a prol doutras enfermas do mesmo mal», declarou o alcalde cambadés, Samuel Lago, que quixo «animar a xente a acudir o día 25 ao Pombal».

Desde o Concello representado tamén por Fátima Abal e polo concelleiro de Deportes, Fernando Patricio, quen recordou a ascensión de Araceli Oubiña ao Kilimanjaro co Reto Pelayo Vida, agradecéronlle ao Xuven e á familia de Ara a iniciativa de recordar a súa figura a través do evento deportivo. Na mesma liña se expresaron os representantes do Cortegada e do Arxil.

Maribel Oubiña, sobriña da homenaxeada, recordou como Fátima Abal o labor de recollida de fondos que Araceli fixo nos seus últimos anos de vida, informando que o día 25 haberá unha fila 0 para quen queira colaborar no financiamento de estudos contra o cancro de mama metastásico. Maribel adiantou tamén que o Xuven retirará no Memorial a camisola co número 12 que a súa tía lucía nos seus anos de xogadora.