«Queen for kids» traerá ao Auditorio a música do mítico grupo para toda a familia

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

A cita será o vindeiro 5 de novembro 

16 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A música de Queen adaptada para o goce de todos e cada un dos membros da familia. Este é o punto de partida de Queen for kids, o espectáculo musical que o vindeiro 5 de novembro parará no Auditorio de Vilagarcía.

A compañía Show must go on é a encargada da proposta, que ademais de música en directo, ofrecerálle animación, xogos e sorpresas ao público. Cunha banda de músicos ataviada coma os integrantes orixinais de Queen, entre eles, o seu carismático líder, Freddie Mercury, que interpretará varios temas convertidos en clásicos coma Bohemian Rhapsody, Love of my life, We are the Champions, We will rock you, I wan't to break free, A king of magic ou Who wants to live forever.

O espectáculo terá unha duración de hora e media e os espectadores poderán coñecer neste intervalo a historia de Queen a través de Rockabel, personaxe que representa a asistente do mánager de Queen e que se encargará de conducir o Queen for kids. Será a de Rockabel unha peza central do espectáculo, por canto entre as anécdotas que irá contando do seu día a día coa banda británica fará cantar, saltar e xogar o público familiar.

As entradas para Queen for kids están xa á venda, a través da páxina web www.ataquilla.com. O prezo, 12 euros por persoa máis custes de xestión.