Vilanova, unha vila literaria

Benito Leiro

AROUSA

MONICA IRAGO

No 61 aniversario do pasamento de Julio Camba

28 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A nosa vila é un prodixio en canto a producción literaria. Non pode ser casualidade que un municipio con pouco máis de 10.000 habitantes aporte tantos escritores e escritoras salientables á literatura en galego e castelán. Cando falamos de literatos vilanoveses, como é natural saen á palestra Valle Inclán e os irmáns (Paco e Julio) Camba, porque son os sobranceiros na excelsa nómina de cultivadores das letras arousanas. Con ser don Ramón e os Camba os mellores, non son os únicos que se dedicaron a este labor creativo na historia de Vilanova. Ó longo do século XX e nas dúas décadas que levamos da presente centuria, varios autores vilanoveses despregaron unha notable tarefa centrada en salientar aspectos históricos e culturais da nosa bisbarra.

Neste compendio de creadores contemporáneos cómpre lembrar ós Amigos de Valle Inclán, que levan máis de vinte anos desenvolvendo unha prolífica actividade, a través da revista Cuadrante. Entre os escritores vilanoveses presentes nesta publicación resulta inexcusable citar a Gonzalo Allegue, exdirector, e Francisco Charlín, actual director, que publicaron conxuntamente unha obra fundamental para plasmar a presenza de Vilanova na obra de don Ramón: El mundo de Valle Inclán, viaje a los orígenes. Este traballo publicouse en 2008 e, posteriormente, Charlín afondou neste tema con Pasajero: cuaderno de viaje de Valle por el Salnés (2016).

Na nómina de colaboradores de Cuadrante tamén sobresaen nomes como Alicia Padín, autora dunha tese doutoral sobre o antigo mosteiro de Cálago; José María Leal, que estuda a historia da salazón no litoral atlántico e escribiu Apuntamentos para a memoria gráfica de Vilanova; Cándido Barral, que vén de publicar Groviland, sobre a represión franquista en O Grove; ou Jesús Blanco, que asinou a súa Guía das embarcacións tradicionais galegas.

O falecido cronista oficial de Vilanova, Xosé Luis Vila Fariña, publicou preto de 30 volumes en relación coa historia do Salnés. Entre as súas obras máis vilanovesas lembramos a Historia municipal de Vilanova, a Guía histórica do Monte de Lobeira e Vilanova en la voz de sus poetas. Neste último libro alude á poetisa Carmiña Pomares nacida en Vilamaior, fronte a casa natal dos irmáns Camba. Ela compuxo versos en galego inspirados en Rosalía de Castro, pero faleceu nos anos 30 do pasado século, antes de que puidera editar algún poemario.

Entre os autores máis recentes da nosa vila literaria sobresae o xornalista de Caleiro, Miguel Anxo Martínez, autor de dous relatos premiados no certame Modesto R. Figueiredo, de Lalín: As casas baratas e A vinganza de Valdedeus. A escritora de Tremoedo, Carmen Villanueva, autora das novelas Ramo de laurel e Camelias rojas en la nieve, tamén asinou xunto con Vila Fariña unha historia da súa parroquia natal. Pola súa banda, a autora vilanovesa Merchi Alfonso publicou en 2022 o seu primeiro relato, titulado Sola y despeinada, mentres que a actriz Fátima Rei xa escribiu dous contos infantís, un deles titulado Maïa.

Unha familia moi creativa é a dos Trigo, natural de Caleiro, que ten en Tomás Ángel Trigo, coas novelas Tres meses e Los recuerdos de Jasid, e o seu irmán Javier, co relato Dios es deportista, os expoñentes máis recentes desta saga familiar con predecesores no século XX, como a mestra Lolita Trigo Diaz, moi lembrada en San Miguel de Deiro, e os seus irmáns Manuel e Feliciano.

Ignacio González Núñez é outro vilanovés de orixe, chofer de profesión e amante da poesía, que xa leva publicadas tres novelas: El carcamal y la gacela, Verano amargo e Bruno la aventura italiana. Dentro do xénero do contrabando, moi presente en Arousa, abreu a rolda Un lugar tranquilo, escrito polo autor deste artigo, pero cómpre lembrar a Manuel Fernández Padín, arrepentido na operación Nécora, que publicou Dejadnos vivir, un retrato da súa xeración, e Milo Paz que tamén publicou Contrabando en el camino contando as súas memorias relacionadas co Winston batea.

Neste breve estudo poden faltar algúns nomes dos que non teño constancia actual, pero que serán incluidos nunha futura Biblioteca de Escritores Vilanoveses se algún día se leva a cabo este proxecto.