Os sete internacionais arousáns no Europeo de Maratón fanse con praza no Mundial

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Cedida

Os padexeiros da comarca regresaron con cadansúa medalla da cita continental

18 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Sete padexeiros de Arousa ou de clubs arousáns participaron a semana pasada no Campionato de Europa de Maratón. Os sete volveron con cadansúa medalla, no caso de Diego Romero e Tono Campos, con dúas. Un balance que vai máis aló da gloria nas augas do circuíto croata de Slavonski Brod. E é que, atendendo aos criterios de selección fixados pola Real Federación Española de Piragüismo, subirse ao podio da cita continental leva aparellado o premio engadido dunha praza no combinado hispano que, do 31 de agosto ao 3 de setembro, disputará o Mundial en Vejen Kolding (Dinamarca).

Alí poderán volver pelexar por un podio a canoísta do Náutico Pontecesures Nerea Novo, que o pasado xoves abría o programa do Campionato de Europa coa prata no C1 Xuvenil; Diego Romero, bronce no C1 Sénior Curto, e Tono Campos, bronce no C1 Sénior, a parella do Breogán do Grove que, xuntos, se colgaron en Slavonski Brod a prata no C2 Sénior; os catoirenses Fernando Busto e Diego Miguéns, dúo das Torres-Romaría Vikinga, bronce tras o barco de Romero e Campos; Tania Álvarez, bronce tamén no K2 Sénior en equipo coa luguesa do Kayak Tudense Tania Fernández; e Iván Alonso, tudense das Torres-Romaría Vikinga, que se fixo coa prata continental na proba do K1 Sénior. En total, tres subcampionatos e catro bronces arousáns.

As Torres e Cambados, con voz propia en Ourense

A localidade de Laias foi o domingo escenario da terceira edición do Descenso Ourense Provincia Termal. Cunha participación de máis de 300 padexeiros, a proba tivo no Club Náutico Cobres o gañador da súa clasificación por equipos, cun total de 1.733 puntos, seguido do Piragüismo Cidade de Lugo, con 1088, e do Naval de Pontevedra, con 1.053.

A nivel individual, o piragüismo arousán desfrutou de tres podios, salientando entre eles o de José Barreiro, do Piragüismo As Torres-Romaría Vikinga de Catoira, gañador na modalidade de K1 Sénior. A súa compañeira de club Ángela Baúlde conseguiu, pola súa banda, o segundo posto final no K1 Sénior feminino, tan só por detrás de Celia Durán, do Grupo Xuvenil As Pontes. Fernando Estévez e Miguel Domínguez, do Piragüismo Cambados, remataron terceiros na categoría de K2 Sénior, que gañaron Isaac Silva e Iván Domínguez, do C.P. Portonovo.