
A empresa Citania está a preparar un proxecto para identificar, limpar e sinalizar as distintas estacións rupestres que se atoparon arredor do cumio do monte
04 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.O Concello de Vilagarcía quere sacar a relucir o patrimonio natural e cultural que hai no municipio. E desta volta, ten posto os seus ollos no monte Xiabre e, máis en concreto, nos petróglifos que alí existen dende a Idade de Bronce. Foron atopados despois dos incendios de 2006, e dende aquela xa teñen sido obxecto de traballos de limpeza e documentación en anos pasados. Neste 2023, utilizando os fondos europeos Next Generation, vanse retomar estas actuacións de investigación, de novo da man da empresa Citania.
O proxecto pretende continuar coa liña iniciada nos traballos do 2021. Naquel momento, consistiron na limpeza das zonas a estudar a través dunha roza manual, unha identificación dos elementos gravados descubertos, e unha diagnose para valorar o estado das rochas. Este tense ido deteriorando de novo nos últimos tempos, mesmo coa construción de tobos para coellos no seu entorno.
Onte, no Concello de Vilagarcía presentouse unha nova actuación para a súa posta en valor. No acto estiveron presentes o concelleiro de Turismo, Álvaro Carou, a edil delegada de Patrimonio, Paola María, xunto con Israel Picón, representante da empresa á que se lle encargou a acción, Citania.
Preténdese traballar na mesma liña que outros anos, cunha folla de ruta baseada en tres puntos claros. O primeiro consiste na limpeza e consolidación sobre seis zonas nas que se teñen realizado achados: Sobreiras 3, Sobreiras 5, Sobreiras 6, Sobreiras 8, Monte Xiabre 2 e quizás tamén Sobreiras 12. Ademais vaise intentar localizar Sobreiras 13, unha estación de petróglifos das que se tivo noticia hai anos pero da que se perdeu a pista.
O segundo ítem da lista de traballos a realizar este ano consiste en colocar paneis informativos feitos con materiais orgánicos, en castelán, galego e inglés. Serán sete para evitar encher o monte destes elementos. Tamén se van colocar unha decena de sinais no monte co fin de guiar aos visitantes cara os petróglifos, dando forma a un roteiro.
A seguinte idea debullada onte en Ravella pasa por elaborar e dar a coñecer unha serie de normas sobre a conduta a seguir ao respecto dos petróglifos, a fin de mantelos en bo estado e coidalos como é debido. Entre outras cousas, está previsto programar unha determinada cantidade de rozas periódicas anuais ou propostas para evitar os actos vandálicos.
Álvaro Carou, concelleiro de Turismo, asegurou: «Levamos moito tempo tratando de poñer en valor o patrimonio do Monte Xiabre». Comentou o desexo do Concello de Vilagarcía de ser un referente do turismo verde, pero avisou: «O monte hai que gozalo de forma natural», sinalou para explicar o porqué de utilizar materiais orgánicos para os paneis e as sinais, evitando así a «urbanización» do monte.
Este proxecto, que aínda está en proceso de redacción, terá que pasar os filtros da Administración para recibir a aprobación antes de comezar. Como vai ser financiado con fondos Next Generation, o plan terá que empezar e rematar neste 2023.