O pan, a música e a tradición volven ser protagonistas este sábado en Ribadumia

La Voz RIBADUMIA / LA VOZ

AROUSA

ADRIÁN BAÚLDE

Na carballeira haberá concursos, demostracións de como se facía a moenda antigamente e unha cea de confraternidade

11 ago 2023 . Actualizado a las 14:47 h.

O Concello de Ribadumia ten todo preparado para celebrar este sábado a XX Festa do Pan do Salnés, a partir das cinco da tarde na Carballeira de Ribadumia, momento no que se comezará a recoller as sobremesas caseiras e empanadas presentadas ós concursos. Ás 18.30 horas terá lugar un obradoiro infantil para coñecer a tradicional elaboración do pan, con entrada libre, e ás 19.30 horas farase unha viaxe ó pasado mediante o espectáculo Muiñada. Unha hora máis tarde, todos os asistentes e a organización sairán cara os Muíños do Batán acompañados do grupo Xironsa, onde se representará unha obra teatral a cargo do grupo Alecrín antes da mostra de elaboración tradicional da moenda de millo.

Ás 22 horas regresarase á Carballeira de Ribadumia para gozar da cea de confraternidade a prezos populares, a entrega de premios dos concursos, inchables para toda a familia e posterior verbena a cargo do Dúo La Mecánica. Á medianoite degustarase queimada de forma gratuíta.