Honras municipais ao aspirante a sucesor de Veloso

AROUSA

Martina Miser

Martín Rey recibiu unha homenaxe no Concello de Vilagarcía

03 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi entrar no salón de plenos da casa consistorial de Vilagarcía de Arousa á par do alcalde, Alberto Varela, e comezar un aplauso pechado do preto de medio cento de persoas que quixeron participar na homenaxe que a corporación municipal da capital arousá lle tributou na mañá de onte a Martín Rey. Boa parte do goberno local e representantes da oposición, como Ana Granja (PP) e Rosa Abuín (BNG), acompañaron xunto a familiares e a amigos o flamante novo campión da Volta Ciclista a Galicia, nun acto breve pero emotivo, que tamén reuniu o director deportivo de Martín Rey no CC Padronés Cortizo, o exciclista profesional galego Marcos Serrano, o groso do seu equipo técnico ou o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz. E por suposto, alí estaba o gran referente local do deporte das dúas rodas, Gustavo César Veloso.

«Para min é un verdadeiro orgullo ter a sorte de que unha cidade coma Vilagarcía, non sei se será pola auga ou pola comida, teña ciclistas con tantísimo talento. Aquí temos a dous», declarou o alcalde na súa intervención, dirixíndose a Veloso para dicirlle: «Creo que podo aventurar que tes aquí un herdeiro, que nos vai dar moitos días de gloria». Segunda ovación.

Tocoulle falar a Martín. Dúas veces. Antes e despois de recoller a metopa de recoñecemento municipal e de asinarlle unha das súas camisolas ao Concello escribindo nela «Con todo el cariño, para los vecinos y vecinas de Vilagarcía por su apoyo incondicional». Logo de confesar que «estoy disfrutando mucho de la victoria, quiero que lleguen muchas más», e despois de amosar que «no estoy acostumbrado a estas cosas» dos recoñecementos, Martín Rey trasladou o seu agradecemento a todos cantos o levan apoiando e lanzou un propósito ao aire antes de recibir a súa quinta vagada de aplausos: «Esta temporada ha sido especial porque ha supuesto un punto de inflexión. Estoy preparado para lo que venga y la próxima trabajaré para que las cosas sigan así».